15/04/2012

Ique salva un punto en Eivissa, onde o Burela mereceu máis

Ique salva un punto en Eivissa, onde o Burela mereceu máis

O Burela Pescados Rubén logra un empate agridoce na pista do Space Gasifred Eivissa, onde ambos os conxuntos repartíron os puntos tras o 2-2 final. Este resultado mantén intactas as opcións de play off do conxunto dirixido por Julio Delgado a falta de catro xornadas para o final da Segunda División.


O Burela mereceu maior botín en terras eivisencas pero a falta de puntería, sobre todo na primeira parte, e unha controvertida arbitraxe impediu aos mariñáns celebrar o triunfo.


O primeiro período foi un monólogo laranxa que non tivo reflexo no electrónico grazas á actuación do meta insular. Juanan evitou, en numerosas ocasións, que o seu equipo se vise por detrás no marcador xa que a súa bagaxe ofensiva foi practicamente inexistente. Co marcador inicial chegouse ao descanso e na continuación mantívose o escenario aínda que cun Space Gasifred máis incisivo á contra.


O Burela xeraba maior perigo pero, unha vez máis, a eficacia marcou o devir do choque. Os burelenses perdoaban e o cadro local aproveitou a súa ocasión para adiantarse por mediación de Juan Zapatillas, minuto 24. Aos poucos minutos o Eivissa volveu golpear o Burela amosando a súa efectividade para marcar o 2-0, obra de Roselló. Julio Delgado buscou a remontada co xogo de cinco ante un Eivissa que defendía a súa renda como podía. O primeiro aviso chegou por mediación de Víctor López cun balón ao pau, pero foi Juanma quen recortou diferenzas, a seis para o final. O asedio era continuo pero o empate fíxose esperar. No último minuto de xogo Ique marcou o definitivo 2-2 e rescatou un punto importante para o seu equipo.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.