20/05/2020

Demanda do Pescados Rubén contra a LNFS

Demanda do Pescados Rubén contra a LNFS

O Pescados Rubén Burela FS interpuxo formalmente esta mañá unha demanda contra a Liga Nacional de Fútbol Sala no Xulgado de Primeira Intstancia de Madrid exercitando a acción de impugnación da sanción imposta pola negativa de acceso por parte do club burelista ao pavillón Vista Alegre de persoal técnico e de estatísticas da LNFS, ademais do uso de logos alleos á Liga.

A antedita multa, acordada en xunta directiva o 7 de febreiro de 2020 e que ascende a 15.000 euros, sanciona o club por cumprir coa norma federativa e ampárase nun Regulamento Xeral de Infraestruturas e Audiovisual da LNFS que non foi aprobado nin debatido en asemblea, malia que se asegura a súa vixencia desde o 11 de xullo de 2019, ademais dos estatutos da propia Liga, sen competencias organizativas no momento no que trasladou a suposta infracción, nun proceso ademais con irregularidades no nomeamento da comisión ética e nos prazos de alegación.

Desde o Pescados Rubén Burela FS actuouse en todo momento de acordo aos estatutos e instrucións da entidade organizadora, a Real Federación Española de Fútbol, que con data do 16 de outubro de 2019 comunicou á LNFS que asumía a plenitude de competencias organizativas. Como organizador do encontro e responsable das instalacións, o club, acolléndose ao Estatuto de Traballadores, impediu o acceso de técnicos colaboradores da LNFS en tan só unha ocasión (15 de novembro de 2019), xa que estes non acreditaron a súa relación laboral ou contractual coa Liga; a devandita acreditación foi presentada no resto de partidos.

Desde o club mariñán tamén se está estudando actuar penalmente contra a Xunta Directiva da LNFS, ante a non devolución de saldo positivo por parte da entidade burelista reclamado en dúas ocasións, o 30 de decembro de 2019 e o 31 de xaneiro de 2020.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.