06/03/2020

As Guerreiras reciben o Zaragoza para recuperar a conta de tres en tres

As Guerreiras reciben o Zaragoza para recuperar a conta de tres en tres
As Guerreiras Laranxas reciben mañá o Sala Zaragoza (18.30 horas), na xornada 23, co propósito de recuperar a senda triunfal para seguir custodiando a segunda praza (59 puntos) da elite, tras o empate en Roldán. Vista Alegre sumarase aos actos do Día Internacional da Muller co apoio das Guerreiras e as mañas e a colaboración de Galegas 8M, facendo un chamamento para a manifestación do domingo en Foz (12.00 horas, desde A Rapadoira).

“Fixemos bo partido pero estrelámonos ante unha Etayo moi acertada. Saímos con boas sensacións de xogo e tamén por rescatar un punto nos últimos segundos”, lembraba Cilene, autora do empate 2-2 en terras murcianas a 40 segundos para a bucina final, e confiando na preparación para quedar cos tres puntos: “É unha semana distinta; estamos traballando ben e creo que imos facer un bo partido o sábado. Seguramente teñamos algunha incorporación, pero tamén algunha baixa”.

Na primeira volta, o Pescados Rubén Burela impúxose 1-3 a un rival que agora chega na décima praza. “Zaragoza ten bo equipo, cun xogo directo eficaz, pero é algo irregular. Fóra non ten tan bos resultados e nós temos que aproveitar iso”, analizaba a 6 laranxa dun equipo que recolleu a domicilio 10 dos seus 29 puntos.

Ás baixas de Ana Romero, Cami e Jane, súmase Jenny Lores, por un golpe nun xeonllo que xa obrigou á xogadora a retirarse de Roldán a semana pasada; Dany e Bea Mateos serán dúbida.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 4. Cris, 5. Cristina, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 13. Lucía Paz, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Luci

Derbis no podio. Os outros dous protagonistas do podio disputarán esta fin de semana xornada de derbis. Desde a primeira praza e con 66 puntos, o Futsi Atlético Navalcarnero medirase ao Leganés Masdeporte, duodécimo (18 puntos). Máis competitivo presáxiase o duelo galego que o madrileño; o Ourense, terceiro con 56 puntos, recibirá o Poio Pescamar FSF, quinto (38 puntos).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.