29/02/2020

Demasiado castigo ante Barcelona (1-6)

Demasiado castigo ante Barcelona (1-6)
Vista Alegre e a Alma Laranxa sufriron esta tarde demasiado castigo ante o potencial do FC Barcelona (1-6). Arrincaron ben os de Juanma Marrube, sendo sólidos e concienciados de como manexar un partido equilibrado e intenso; púxose por diante no electrónico o Pescados Rubén Burela FS, xerou e xerou aínda que foi o titánico rival o que soubo aproveitar para dar a volta con 1-3 ao descanso. No ecuador do segundo e co 1-4, que fixo moito dano, os locais optaron por xogo de cinco sen éxito e con dúas dianas máis encaixadas a porta baleira. Vista Alegre volverá lucir as súas mellores galas xa o mércores para recibir o Jimbee Cartagena, na xornada 15 aprazada en decembro por temporal (21.00 horas).

No 4, na primeira chegada laranxa, Álex Diz fixo estalar a Bancada, cun roubo en media pista sobre Boyis e disparo raso ao que nin se achegou Juanjo. O meta blaugrana evitou a tentativa de Xande, en saque de esquina de Renato, pouco despois. O todopoderoso Barça igualou a contenda no 8, con Daniel, desde saque de esquina. Pouco despois foi Álex Diz o que estivo a piques de repetir xesta, desde balón parado, pero o pau freou a iniciativa local. Renato intentouno, por partida dobre, con mísiles de lonxe. O 22 burelista hoxe tiña fame de gol; no 11 intentou poñerlla ao segundo pau a Luisma, pero cortouna, Juanjo, e pouco despois volveu facer tremer o pau, tras a falta sobre Joselito. Edu estivo perfecto fronte a Dyego; con todo, nada puido facer o naronés de novo ante a estratexia dos cataláns, que se adiantaron no marcador no minuto 15 con Aicardo, desde saque de esquina. A punto estivo de igualar a contenda Pixote nun disparo cruzado; quedaban aínda tres e medio para o descanso. Juanjo, co corpo, desartellou outra de Lucho. Do que podería ser o empate pasou ao 1-3, no 18, con Adolfo, en recuperación tras rexeite alto de Lucho. Pixote volveu ter o gol nos seus pés, estrelándose contra o traveseiro.

Diz volveu ser o perigo no regreso; Renato intentouno pouco despois. Eto’o, no 26, a punto estivo de sorprender a Juanjo desde a banda. O meta catalán hoxe parábao todo, ata sacou a perna ante Joselito, no 27. Non estaba atopando a recompensa merecida Burela e case chega o cuarto visitante, con Adolfo, en recuperación. Non perdoou o Barcelona a seguinte oportunidade, con galopada de Dyego pola banda, gañándolle a partida a Lucho; Edu freouna en primeira instancia pero non puido evitar que o esférico superase a liña. Con 1-4 e rozando o ecuador do segundo acto, Xande enfundouse na camisola de porteiro xogador. Non conseguiu xerar perigo o conxunto local e aproveitaron os de Andreu Plaza para subir o 1-5 a porta baleira, no 33, con Adolfo, que completou a vitoria catalá nos últimos compases.

Ficha técnica


Pescados Rubén Burela FS: Edu, Lucho, Luisma, Renato, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Joselito, Pixote, Pitero, Xande, Eto’o

FC Barcelona: Juanjo, Boyis, Dyego, Adolfo, Arthur, cinco inicial; tamén xogaron Aicardo, Ximbinha, Marcenio, Daniel, Roger

Goles: 1-0, minuto 4, Álex Diz; 1-1, minuto 8, Daniel; 1-2, minuto 15, Aicardo; 1-3, minuto 18, Adolfo; 1-4, minuto 29, Dyego; 1-5, minuto 33, Adolfo; 1-6, minuto 40, Adolfo

Árbitros: Mayo López // Panadero Díaz-Concha. Por Burela amarela a Renato (minuto 8), Álex Diz (minuto 20). Por Barcelona amarela a Daniel (minuto 8), Boyis (minuto 12), Dyego (minuto 28)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 23 de Primeira División disputado en Vista Alegre rozando o aforo completo

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.