04/10/2019

Primeira gran proba ante un dos titáns

Primeira gran proba ante un dos titáns
O Pescados Rubén Burela FS terá a súa primeira gran proba ante un dos titáns da elite mañá, na xornada 4. Os pupilos de Juanma Marrube visitarán a cancha do Movistar Inter ás 18.30 horas. “Imos moi mentalizados, é un partido moi duro e complicado. Todo o mundo sabe que é un superequipo” adiantaba R. Vargas da lenda verde.

Os laranxas recalarán no Jorge Garbajosa logo de estrearse a semana pasada, con empate 1-1 fronte a Levante. Agárdanos os interistas co percorrido vitorioso ante Aspil (1-4), Palma (1-0) e Córdoba (2-3): “Esperamos un rival cunha presión moi intensa e agresiva. Será un partido de máxima esixencia, co seu potencial, pegada e calidade, Movistar pode facer moito dano en calquera momento” advertía o 7 burelista, apelando á alma laranxa para sacar algo positivo deste gran reto: “Temos que ir concentrados para minimizar calquera erro. Imos dispostos a plantarlle cara”.

Para R. Vargas esta será a súa segunda cita en liga, logo de estrearse na convocatoria a semana pasada: “Creo que hai que aproveitar os momentos. Sabía que estaba traballando ben, chegoume a oportunidade e estaba preparado, ademais foi coa alegría de poder puntuar por primeira vez”.

A expedición partirá mañá ás 8.30 horas. Xunto á baixa de longa duración de Pitero, sumouse á enfermería esta semana Iago Míguez, con rotura de ligamento cruzado anterior e colateral medial, ademais de ambos os meniscos, sufrida o sábado ante Levante. “Estamos doídos, é un compañeiro moi importante, pero agora hai que pensar só na recuperación. Somos un equipo, unha familia, e todos estamos con el. Pelexaremos para darlle alegrías cada semana” explicaba R. Vargas.

Tampouco entrará na convocatoria Amoedo, por molestias na rexión inguinopélvica.

Laranxas e interistas xa puideron verse as caras en pretempada con 0-1 de Gadeia.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 7. R. Vargas, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 20. Everton, 22. Álex Diz, 24. M. Kaluza

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.