08/06/2018

Juanma: 'O noso reto é seguir transformando o equipo'

Juanma: 'O noso reto é seguir transformando o equipo'
O Pescados Rubén Burela FS e Juanma Marrube formalizaron a renovación do técnico mariñán para 2018-19. O alfocego asume esta segunda tempada á fronte do conxunto laranxa co obxectivo de facer medrar o proxecto iniciado hai un ano: “Asumo o desafío con moita tranquilidade e ganas de volver empezar, co aliciente engadido de seguir transformando o equipo, de seguir mellorando con moito traballo o que se comezou en agosto de 2017” aseguraba o laranxa, recoñecendo a súa ledicia pola continuidade na que é a súa casa: “Estou moi contento. En febreiro, o vicepresidente, José Luis, xa me transmitiu que querían contar comigo, a predisposición polas dúas partes sempre foi boa”.

Un gran ano

O Pescados Rubén Burela FS pechou 2017-18 cun gran ano, co primeiro título de Copa Galicia Masculina e a disputa de play off. “Gustaríame agradecer o labor que fixo todo o cadro do ano pasado, de vir dun descenso, de querer facer un cambio, cun gran compromiso, de conseguir ilusionar de novo a xente en tan poucos meses. Foi un labor de todos os xogadores, tanto dos que quedan como dos que xa non seguen. En todo equipo sempre se dá esta situación de altas e baixas, son decisións ás veces complicadas, pero hai que tomalas” mostraba a súa gratitude Juanma Marrube para todo o vestiario.

Novidades

Ás renovacións de Matamoros, Hélder e Pope, xunto á continuidade de Renato, súmanse as chegadas do peche Lucho e o ala Vargas, procedentes do Levante UD, ademais do ala Juanfran, do Segovia. “O perfil é dun xogador que vén de estar disputando minutos en Primeira División, xogadores novos, pero tamén con experiencia, sumado a un pouco máis de veteranía, no caso de Lucho. O perfil de Juanfran e Vargas é moi similar a Pope, Renato ou Hélder. Ese equilibrio que nos deron este ano sérvenos para seguir afianzando a proposta de fichar este tipo de xogador” falaba así das novas caras laranxas o técnico.

“A idea é seguir coa mesma forma de traballar, coa mesma metodoloxía, facilitándolles aos novos xogadores a integración no cadro o máximo posible. O reto é asentar as novidades sobre a base do traballo xa feito, da tempada pasada. Hai contactos con xogadores e negociacións avanzadas pero aínda non hai nada pechado” concluía o Mariskal facendo referencia ao cadro definitivo de 2018-19, que volverá ao traballo a comezos de agosto.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.