05/04/2018

Vista Alegre, bálsamo no regreso de liga coa chegada de Móstoles

Vista Alegre, bálsamo no regreso de liga coa chegada de Móstoles
O Pescados Rubén Burela FS arróupase no mauselo de Vista Alegre para retomar a competición ligueira tras ver escapar o título de Copa Galicia no último suspiro o domingo pasado fronte ao Poio Pescamar FSF. As laranxas voltarán ao parqué da Bomboneira o sábado (18.30 horas) coa visita do FSF Móstoles, na 23ª xornada de Primeira RFEF.

“Foi doloroso, pero sabemos da importancia da liga. A Copa Galicia queda atrás e agora na nosa cabeza só está sumar partido a partido na liga” explicaba unha das incorporacións de inverno ás filas mariñás, Camila Gadeia, na antesala dunha cita ante a que se presenta con optimismo, co apoio da Bancada Laranxa e á caza do podio. Dende a cuarta praza (51 puntos) e coa gran vitoria fronte ao Cádiz (0-11) da última xornada, o Pescados Rubén medirase ao undécimo clasificado, que tamén chegou ao descanso con triunfo, 4-1 con Leganés: “Xogar na casa sempre nos axuda, coa nosa grande afección. Sabemos que é un rival duro, pero tamén somos moi conscientes do que implican os tres puntos e queremos a todo custo a vitoria, imos loitar con todo” advertía Cami, sen tatexar.

A peche ‘canarinha’ retoma a competición de liga, con moitas ganas, despois dunhas semanas no seu país por temas burocráticos: “Dende o Brasil estiven acompañando o equipo; alí tamén adestrei para volver ben á dinámica de grupo e creo que incluso regresei mellor porque despois destes meses xa me adapto e entendo mellor o xogo de Julio” valoraba a 8 burelista.

As mariñás miran ao podio na busca de arañar algún chanzo. A tan só 1 punto das laranxas, o Jimbee Roldán (52) defenderá a terceira praza fronte ao actual campión irmandiño, o Poio; no cumio, a xornada depara o duelo entre UA Alicante (54) e Atlético de Madrid Navalcarnero (53). “Temos que facer a nosa parte primeiro e despois se nos benefician os resultados dos outros enfrontamentos mellor”, concluía Cami.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.