06/10/2017

Bisontes Castellón, un novel no podio

Bisontes Castellón, un novel no podio
O Pescados Rubén Burela FS pelexará mañá en Vista Alegre por encadear a súa terceira vitoria consecutiva na visita do Bisontes Castellón, un recente ascendido cun excelente inicio ligueiro, que chega á Mariña defendendo a segunda praza, con pleno de vitorias. A 4ª xornada de Segunda LNFS comezará ás 19.30 horas; todos os afeccionados que acudan vestidos de laranxa á Bomboneira terán un agasallo sorpresa.

“É un equipo acabado de ascender, pero polo que coñecemos mantén o grupo do ano pasado e está facendo moi bos partidos. É un cadro moi competitivo, no que os xogadores se coñecen moi ben e creo que será un partido moi duro” adiantaba Jesús Manuel Blázquez Pacheco, Chus, coincidindo co técnico, Juanma Marrube, que tamén destacou a “orde y poder ofensivo” dun rival que venceu a UMA Antequera (6-4), Puertollano (2-3) e Manzanares (5-1).

O cadro mariñán intentará dar continuidade á boa senda tendo os pés no chan: “A semana foi igual de traballo, mantendo a dinámica e filosofía para afrontar nas mellores condicións o partido do sábado. Temos 6 puntos; deunos moita confianza a segunda vitoria pero aínda non fixemos nada. O sábado hai outro reto no que con traballo e coa fortaleza da casa pelexaremos por tres novos puntos” puntualizaba o 7 laranxa, esperando “un partido táctico, aínda que eles probablemente veñan para esperarnos en media pista co coñecemento da dificultade de Vista Alegre, para moitos deles seguramente descoñecido, e co ronsel da traxectoria do Pescados Rubén en Primeira”.

O salmantino confía no traballo do equipo, co apoio da Bancada Laranxa. “Esperamos estar á altura, coma con ElPozo; nós temos que estar en todo momento coa cabeza fría e concentrados os corenta minutos no partido. Tamén esperamos ir enganchando partido a partido a xente, como pasou con ElPozo; iso depende do traballo de equipo e de cada un de nós e para iso traballaremos”.

Kelson, na enfermería, aínda non poderá entrar na convocatoria.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1.Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 10. Matamoros, 11. Cora, 12. Renato, 13. Álex, 14. Pope, 16. Pitero

Bolos preñados para a merenda

Cada consumición (auga ou refresco) no bar do pavillón terá un bolo preñado gratuíto durante o partido (ata fin de existencias).

Carnés dispoñibles

Os socios/as laranxas que aínda non recolleran o seu carné poderán facelo en Vista Alegre mañá, coincidindo co partido. Durante a semana, están dispoñibles na oficina da entidade (avenida Arcadio Pardiñas 91, baixo). Horario de atención ao público: De luns a xoves entre as 10.00-14.00 e as 16.00-19.00 horas e os venres de 10.00 a 15.00 horas

Copa do Rei

O vindeiro martes, 10 de outubro, o Pescados Rubén Burela FS recibirá en Vista Alegre o Santiago Futsal en dezaseisavos de Copa do Rei (20.30 horas).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.