19/01/2017

Tomás de Dios traballará por un Pescados Rubén con "defensa, valor e sacrificio"

Tomás de Dios traballará por un Pescados Rubén con

O novo técnico do Pescados Rubén Burela FS, Tomás de Dios López (Burdeos, 1965), foi presentado oficialmente esta mañá, acompañado polo presidente da entidade, Manuel Blanco, e o fundador de Pescados Rubén, Rubén Blanco. “Defensa, valor e compromiso”, así define Tomás de Dios os seus sinais de identidade e as do novo Pescados Rubén: “Quero transferir a miña identidade de equipo traballador, sacrificado, humilde pero tamén ambicioso, de equipo que vai ir ao límite en cada partido” explicaba o adestrador.



Manuel Blanco deu a benvida ao novo dirixente do banco laranxa, con contrato de dúas tempadas e media, co firme “propósito dun traballo conxunto para poidamos solucionar a complicada situación que atravesamos. Sempre tivemos os pés no chan, o noso obxectivo sempre foi a salvación, pero tamén esperamos un maior rendemento do equipo e por iso traballaremos todos xuntos, coa chegada de Tomás”.



O ex-seleccionador de Guatemala asume as rendas, confiando na capacidade de traballo e a unión do club para que o Burela FS poida vivir tempos mellores. “É unha situación atípica e delicada. O primeiro obxectivo é que a situación deportiva cambie co esforzo de todos os ámbitos, non só xogadores e corpo técnico, senón da parte administrativa, de xestión e directiva, que sexamos todos un equipo” explicaba o técnico, confesando a súa atracción e motivación polo proxecto galego: “A día de hoxe é moi difícil atopar un proxecto deportivo compatible, de feito cando saín de España uno dos motivos foi ese. Con Pescados Rubén síntome identificado; aquí hai un traballo de canteira, algo moi importante para min, un proxecto deportivo e unha institución que é un referente dentro da localidade. En todos os clubs que estiven sempre traballei coa base de forma comprometida, responsable e profesional, e de aí sempre saíron xogadores”. “Foi unha situación que se precipitou un pouco, pero tamén consensuada e meditada. Había un interese previo por ambas as partes e sempre houbo un bo entendemento. Veño a un equipo novo na máxima categoría co privilexio de que entro a formar parte do único club que ten equipos en Primeira masculina e feminina no panorama español. Detrás diso hai toda unha localidade; o fútbol sala é o deporte máis importante desta comarca e queremos buscar esas identificacións coa bancada” incidía así o ex-técnico de Autos Lobelle sobre a relevancia do fútbol sala laranxa.



Con Pescados Rubén Tomás volve á “mellor liga de mundo” para seguir medrando da man do conxunto burelista: “Veño de cumprir un soño; Guatemala deume a oportunidade. No noso deporte non hai olimpíadas, así que o soño era o mundial. Con todo, para min volver á liga española é fundamental. Son moi consciente e moi realista de que onde se segue progresando e aprendendo é nesta competición, por iso está considerada unha das ligas máis fortes do mundo”.




Estrea con Movistar e con Copa Galicia



O debut ás ordes de Tomás de Dios xa será mañá coa 17ª xornada de Primeira coa visita do titánico Movistar Inter FS (Vista Alegre, 21.00 horas). “É a cita máis complicada que se podería presentar. Ninguén querería enfrontarse a Movistar cun adestramento e medio de preparación, pero esa é a realidade; asumímolo con incerteza. A realidade é que Inter é superior, pero tamén sabemos que xogamos na casa e que teremos opcións de partidos; se neses momentos somos capaces de ser fortes mentalmente, buscaremos sacar algo positivo” reflexionaba Tomás de Dios  antes do seu primeiro adestramento co cadro mariñán.



Catro días terá o novo Pescados Rubén para preparar a cita irmandiña, con Cidade de Narón, en cuartos (martes 24, 19.30 horas): “É unha competición que me encanta; tiven o privilexio de gañala 5 veces e de xogar 6 ou 7 finais. Eu considérome un pouco galego de adopción e sei o importante que é para os galegos. Ímola xogar con esa relevancia e co merecemento, que hai gañalo na cancha, de presentarnos nunha final” concluía o novo técnico laranxa.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.