2020/21 Club deportivo Burela Fútbol Sala Único club con equipos masculino e feminino en primeira división
Pescados Rubén
Novas
31/10/2015
Festa goleadora ante Orvina (7-0)
O CD Burela FS Pescados Rubén abriu a Tarde Laranxa ao grande, con festa goleadora ante o Orvina (7-0), con dianas de Gaby e Maite por partida dobre, ademais de Ceci, Peque e Shio.

As de Lucas saltaron á Bomboneira fronte a un rival metido atrás. As laranxas tiveron que armarse de paciencia para atopar ocos na defensa navarra e sen traballo para Andrea baixo os paus. Ceci só tivo que empuxar para subir o 1-0, no minuto 11, en xogada de estratexia enganando ao Orvina, a pase de Gaby desde Peque. Tres minutos despois, as da Mariña anotaron de novo a balón parado, con lanzamento de Gaby, que tocou na defensa rival antes de superar a liña de meta. Nos seguintes compases, Shio desaproveitou dúas oportunidades soa ante Rebeca. No último minuto, o Burela FS perdoou tres balóns de ouro; a falta de 52 segundos o disparo raso de Peque, en estratexia, estrelouse contra o pau; a meta do Orvina freou o dobre penalti da 7 burelista pouco despois e a volea de Ceci tampouco puido subir ao electrónico. Sobre a bucina, Andrea resolveu sen complicacións un balón que podía facer moito dano, na primeira e única ocasión das navarras.

Burela subiu unha marcha no seu regreso á pista, cun Orvina tamén máis valente. Tras dous minutos de asedio incesante sobre a rede de Irati e coa primeira chegada do Orvina, nos pés de Adela, con boa resposta de Eva coa man, chegou o terceiro, máis que merecido, no minuto 23 con firma de Maite, aproveitando un rexeite da meta visitante, a tentativa de Gaby e, poucos segundos despois, a eficacia da brasileira volveu brillar; Irati intentou frear co corpo a embestida de Gaby, pero ao final escapóuselle por arriba. Superada a medianía da segunda parte e cun partido de máis idas e voltas, Anna Riera salvou en dúas ocasións o 5-0 de Peque. A falta de seis minutos, o Orvina optou por xogo de cinco con Patri como porteira xogadora. E aí a 7 laranxa si puido rubricar o quinto a porta baleira (minuto 35), marcador que adornou Maite (minuto 36) en contragolpe, cun balón que superou a liña de meta con Patri na súa pugna por frealo. A falta de 1.41 minutos, Shio saíu vitoriosa no definitivo 7-0 tras pelexa polo esférico na pista rival sen obstáculo na portería.

Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Andrea C., Claudia, Peque, Gaby, Shio, no cinco inicial; tamén xogaron Ceci, Maite, Lara, Eva
CD Orvina: Rebeca, Anna Riera, Susana, Maialen, Irune, no cinco inicial; tamén xogaron Miriam, Lucía, Adela, Patri, Yarima, Aiora, Irati
Goles: 1-0, minuto 11, Ceci; 2-0, minuto 14, Gaby; 3-0, minuto 23, Maite; 4-0, minuto 23, Gaby; 5-0, minuto 35, Peque; 6-0, minuto 36, Maite; 7-0, minuto 38, Shiori
Árbitros: Cubero Díaz // Fernández Fermoso (Asturias). Por Orvina amarela a Maialen (minuto 14)
Incidencias: Partido correspondente á sétima xornada de Primeira División RFEF, disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. 400 espectadores. Minuto de silencio inicial polo falecemento dunha familiar da xogadora burelista Lara Balseiro.
Publicidade
X Pechar