05/01/2015

Espectáculo internacional en Vista Alegre con clara vitoria de España sobre Ucraína (4-0)

Espectáculo internacional en Vista Alegre con clara vitoria de España sobre Ucraína (4-0)

A afección mariñá gozou do mellor fútbol sala internacional esta tarde en Vista Alegre cunha clara vitoria da Selección Española fronte a Ucraína, quinta clasificada no ranking UEFA. A Vermella impúxose por 4-0 con dous tantos en cada tempo, de Sergio Lozano, Adolfo e dobrete de Aicardo.



O combinado dirixido por José Venancio López Hierro inaugurou o electrónico no minuto 5, con diana de Sergio Lozano; no 7, Adolfo subiu o 2-0. Ucraína tivo as súas opcións de reducir distancias; as máis claras, dúas boísimas antes de chegar ao ecuador da primeira parte, de Bilotserkivets e Kordova, que non conseguiron definir fronte a Paco Sedano.



Tras o descanso a presión da Vermella, coa incorporación de Jesús Herrero baixo os paus, asfixiou ás filas ucranianas. Superado o minuto 30, a embestida española levantou os aplausos da bancada cun potente mísil de Sergio Lozano cazado tras unha serie de rexeites. Diego Quintela tamén tivo nos seus pés o 3-0 no minuto 32, freado polo meta rival ao bordo da liña de meta. A falta de case catro minutos para o final, Ucraína apostou polo xogo de cinco pero a Vermella non perdoou. No minuto 38, Aicardo aproveitou cun dobrete a porta baleira para anotar o definitivo 4-0.



Homenaxe a Marrube



A visita da Selección Española e Ucraína, no primeiro partido de fútbol sala de elite de 2015 en Vista Alegre, tamén trouxo un recordo imborrable para o mausoleo e a historia da familia burelista. Antes do asubío inicial, o eterno capitán laranxa e actual secretario técnico do CD Burela FS Pescados Rubén, Juanma Marrube, recibiu unha emotiva homenaxe; o presidente do club, Manuel Blanco, acompañado polo responsable de seleccións de fútbol sala da RFEF, Laurentzi Gana, e do alcalde de Burela, José María González Barcia, ademais do propio homenaxeado, descubriu a vitrina na que figurará a camiseta do ex xogador, cuxo dorsal foi retirado coincidindo coa súa despedida das pistas este verán. Desde hoxe o 8 histórico laranxa lucirá á beira do marcador da bomboneira.



Ficha técnica



España: Paco Sedano, J. Ruiz, Fernandao, Mario Rivillos, Raúl Campos (cinco inicial). Tamén xogaron Aicardo, Sergio Lozano, Pola, Lolo, Adolfo, Andresito, Diego Quintela, Jesús Herrero. Seleccionador: José Venancio López Hierro



Ucraína: Ivaniak, Sorokin, Rogachov, Ovsiannikov, Bilotserkivets (cinco inicial). Tamén xogaron Valienko, Shamil, Bondar, Kordova, Razuvanov. Seleccionador: Alesander Kosenko Goles: 1-0, minuto 5, Sergio Lozano; 2-0, minuto 7, Adolfo;3-0, minuto 38, Aicardo; 4-0, minuto 38, Aicardo



Tarxetas: Por España amarela a J. Ruiz (minuto 12)



Árbitros: Fernando Gutiérrez Lumbreras (España) // Oleg Ivanov (Ucraína)



Incidencias: Partido amigable entre España e Ucraína disputado en Vista Alegre. Arredor de 800 espectadores. A Real Federación Española de Fútbol estivo representada polo responsable de seleccións de fútbol sala, Laurentzi Gana, e o xefe de delegación, Juan Manuel Carreras; entre as autoridades asistentes estiveron o xefe de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero Méndez; e o alcalde de Burela, José María González Barcia.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.