15/11/2013

Desprazamento á sempre complicada pista do Móstoles

Desprazamento á sempre complicada pista do Móstoles

O Burela FS Pescados Rubén desprázase na novena xornada de Primeira División RFEF á sempre complicada pista do Móstoles na busca dunha vitoria que o volva empoleirar á primeira praza. A cita de Villafontana comezará ás 18.30 horas.



Con 19 puntos, a escuadra de Quico Otero defende a segunda praza empatada con Cidade de Alcorcón, logo dos tres puntos perdidos co líder actual, Atlético de Madrid Navalcarnero (22 puntos), a semana pasada. Pola súa banda, as locais non están tendo un bo inicio de liga; ocupan a duodécima praza, con 8 puntos. A súa fortaleza baséase en Villafontana, con 2 vitorias (Soto del Real 3-1, Cidade das Burgas 4-1) e 1 empate (Orvina 2-2); tan só puideron rabuñar un resultado positivo na pista do Valdetires (4-4), na sétima xornada.



Á expedición mariñá sumaranse hoxe, xa en Madrid, Lidia Mesías e Peque logo do seu periplo nos Azores coa Selección Española. “Non puidemos adestrar en toda a semana coas compañeiras, centrándonos no rival desta semana, pero hai moito traballo atrás que mitiga estes días de ausencia” explicaban as dúas xogadoras laranxas, coincidindo ademais no estraño comezo do Móstoles: “Para todos é unha sorpresa tanto a situación de Móstoles como de Ponte Ourense, dous persoais que sempre están pelexando entre as mellores, aínda cun comezo no que os resultados non están acompañando. Debemos ir coas pilas cargadas porque en calquera momento poden espertar unha boa reacción”.



“Debemos saír fortes como fixemos ata agora e esquecer o tropezo da semana pasada” dicía Peque, compartindo aínda a alegría con Lidia por poder gozar estes últimos días da concentración coa Vermella. “É unha experiencia sempre inesquecible, estas oportunidades vívense poucas veces e por iso hai que aproveitalas e gozalas ao máximo” recordaban Lidia e Peque, moi satisfeitas “co ambiente e o traballo da selección”. “Competimos moi ben contra Portugal en dous partidos durísimos” reflexionaba Peque, autora dos tantos da selección no último amigable.



Quico Otero poderá dispoñer de todos os seus efectivos, excepto de Paula.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.