21/01/2013

Primeiro punto lonxe da casa

Primeiro punto lonxe da casa

O Burela FS Pescados Rubén subiu o seu primeiro punto lonxe da casa no final da primeira volta. Os pupilos de Julio Delgado regresaron de Puertollano con táboas (1-1) nunha cita moi igualada que non se decidiu ata os minutos finais; a dianteira dos laranxas, por mediación de Hugo, desapareceu co xogo de cinco dos locais, restando tres minutos.



“Foi un partido moi tenso. Os dous sabiamos o que arriscabamos, quizais nós eramos máis conscientes, e o medo a cometer erros fixo que non se xeraran moitas ocasións” resumiu o técnico burelista, Julio Delgado, que valorou a importancia de puntuar a domicilio, a pesar de amosarse tamén apenado por non poder manter a vantaxe tan preto do final. 



 “Os dous equipos aplicámonos na loita en media pista e nas contadas oportunidades estiveron moi acertados os dous porteiros” xustificou así o adestrador laranxa a ausencia de goles durante a primeira parte, puntualizando “somos os dous equipos menos goleadores da táboa e iso viuse na pista”. Juanma proporcionou boa porcentaxe da perigosidade para os laranxas antes do descanso; Iago Míguez tamén gozou dunha grande ocasión por banda dereita pero, con todo a favor, o seu disparo saíu fóra rozando o poste.



No segundo período, volveu intentalo Míguez só no centro da área manchega, pero bateu co meta rival.  Ata o minuto 35 tivo que esperar o conxunto burelista para tomar vantaxe, nunha bonita xogada de combinación;  por banda esquerda, Dani Martín apurou ata a liña de fondo asistindo a Hugo para que este colocara o 0-1 baixo os paus. Reaccionaron os locais con xogo de cinco e funcionoulles, aínda que antes puido estar o 0-2 a porta baleira; no 37, Nano subiu o empate ao borda da área.



“Tras a igualada do Puertollano e despois do enorme despregamento físico, decidimos optar por aproveitar os posibles erros rivais sen pór en perigo o resultado” concluíu o preparador burelista, que quixo ser cauto e non apostou polo porteiro-xogador para contraatacar.



Segunda volta. O Burela FS Pescados Rubén comezará a segunda volta na pista do Fisiomedia Manacor, outro dos rivais directos pola permanencia. O encontro está previsto para o venres 25 de xaneiro (Palma Arena, 20.30 horas).

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.