30/10/2012

Cidade das Burgas 3-2 Ribadeo FSF

Cidade das Burgas 3-2 Ribadeo FSF

Unha vez máis os postes privaron o Ribadeo FSF de traer os tres puntos do encontro correspondente á 4ª xornada da Liga Galega Feminina, disputado o sábado nos Remedios de Ourense ante o filial do Cidade das Burgas (3-2).



Toñi aos tres minutos e medio adiantou as mariñás no marcador dun tiro desde os 15 metros que sorprendeu a porteira local, Antía. Co 0-1 a favor, as de Martínez sufriron en exceso as decisións arbitrais. Ata de tres lanzamentos desde os dez metros dispuxeron as locais na primeira metade; Vanessa detivo dous deles e o segundo a punto estivo tamén de conseguilo, pero o potente tiro de María Romeu conseguiu chegar ás mallas e pór así o empate 1-1 no marcador, cando restaban cinco minutos para o descanso. Tres minutos máis tarde, nunha serie de rexeitamentos na portería ribadense, de novo María deu a volta ao marcador. Dispuxo o Ribadeo dunha clara ocasión ao estrelar Elvira un balón no pau no un a un contra Antía.



Na segunda metade, as visitantes seguían buscando a vitoria pero tiñan que moverse entre algodóns para evitar cometer faltas; aínda así foron sancionadas con outras cinco, principalmente cando, no transcurso do minuto 25, Elvira conseguiu empatar de novo o partido.



A sorte non foi aliada das mariñás. Un rexeitamento de Vanessa no minuto 31 caeu aos pés de Candea, que só tivo que empuxalo para conseguir o 3-2. Previamente Elvira dispuxera dunha clara ocasión que saíu fóra por moi pouco. Nos minutos finais foron Eva e Ana quen estrelaron senllos balóns nos paus.



Por diversas razóns, Martínez só puido contar con 8 xogadoras para este desprazamento. Entre as ausencias cabe destacar a grave lesión o pasado venres da porteira Antía que foi intervida cirurxicamente por fractura dos maléolos do pé dereito.



O Cidade de Ourense, filial do Ponte Ourense, visitará Ribadeo a próxima xornada.



Ficha técnica



Ribadeo FSF: Vanessa, Ana, Toñi (1), Elvira (1) e Helena, cinco inicial; tamén xogaron Eva, Sabela e Carla Bolaños.



Cidade das Burgas FS: Antía, Sofía, Marta, Aldara e Nahir, cinco inicial; tamén xogaron Shirley, Helena, María (2), Candea (1), Nerea, Laura e Paula.



Árbitros: Roi García López e Sandra Gómez Iglesias, da delegación de Ourense. Mostraron cartón amarelo a Helena, do Ribadeo FS.




 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.