18/05/2012

Comeza a andadura laranxa cara ao paraíso da elite

Comeza a andadura laranxa cara ao paraíso da elite

Achégase a hora da verdade. O Burela FS Pescados Rubén comeza mañá a andadura cara ao paraíso da elite. Manzanares FS, segundo clasificado na liga, será o primeiro obstáculo, en Vista Alegre (18.45 horas), para cumprir co soño laranxa da Primeira División Masculina, no que se converterá na sétima tentativa do conxunto burelista, coincidindo co décimo aniversario de club.


“Chegar ata aquí xa é unha recompensa; agora temos que loitar para conseguir o premio do ascenso” asegurou o capitán da nave laranxa, Juanma, ao que engadiu: “No vestiario o único que se respira é ilusión e ganas; sufrimos moito durante a liga, pero o play off non ten nada que ver. É un episodio novo no que podemos escribir a verdadeira historia do Burela FS cara á Primeira División”.


O Burela FS saltará á pista da bomboneira arroupado polo apoio incondicional da Marea Laranxa e moi motivado para facerse cos tres puntos e marcar a vantaxe na eliminatoria, ante un rival veterano e moi forte, que na súa pista tan só cedeu terreo ante o Playas de Castellón (3-3), na súa primeira tempada en Segunda. Vista Alegre loitará por materializar as boas sensacións que subxacen no imaxinario laranxa tras o 10-3 da liga.


Julio Delgado poderá contar con todo o vestiario, a excepción da consabida ausencia de Bebeto e coa posibilidade de darlle algun minuto máis a Purao, baixo mínimos nas últimas semanas por unha lesión de menisco. No bando castelán, non poderá participar Zamo, sancionado cun partido de suspensión tras a expulsión da semana pasada ante o Gáldar.


O cadro mariñán disputará en terras castelás o segundo encontro da eliminatoria o venres 25, ás 20.45 horas. No caso de ser preciso, o terceiro partido decidirá o gañador do cruzamento o domingo, a partir das 19.30 horas, no pavillón municipal de Manzanares, para medirse ao triunfador de Sala 5 Martorell-Fuconsa Jaén


O resto dos enfrontamentos deste comezo de play off están previstos tamén para o sábado:  Unión África Ceutí-Marfil Santa Coloma (20.00 horas), Sala 5 Martorell-Fuconsa Jaén (18.00 horas), UMA Antequera-Gáldar Gran Canaria (18.00 horas).


 


Entradas. Quen aínda non se fixera coa súa entrada para o trepidante encontro, poderá adquirila mañá en Vista Alegre; a venda estará aberta dende as 17.45 horas. As tarifas para os SOCIOS/AS da entidade serán de 3 euros (imprescindible presentar carné 2011-12) e os NON SOCIOS/AS deberán abonar 10 euros. Todos os afeccionados/as que acudan á bomboneira este sábado poderán acceder ao sorteo dun Time Force, reloxo oficial da LNFS, durante o descanso.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.