30/05/2011

Burela presenta a XVII Copa de España

Burela presenta a XVII Copa de España

O salón de plenos do consistorio burelao acolleu esta mañá a presentación da XVII Copa de España de Fútbol Sala Feminino Burela 2011, que reunirá na vila mariñá os oito mellores equipos da División de Honra entre o 3 e o 5 de xuño, baixo a organización da Real Federación Española de Fútbol, a Federación Galega de Fútbol, o CD Burela FS e o Concello de Burela. O acto contou coa presenza do presidente e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares e Plácido Díaz Fernández; o alcalde de Burela, Alfredo Llano García; e a concelleira de Deportes, Neves Cando López; ademais do presidente do CD Burela FS, José Ramón González Casas, e o director xeral da entidade laranxa, José Luis Sáez Castro.


José García Liñares augurou un grande éxito para a cita de Burela 2011, na que “os equipos aínda teñen máis mérito se cabe que en edicións anteriores, posto que tiveron que traballar ao longo de toda a competición para a clasificación e non só na primeira volta”. O presidente da FGF tamén incidiu “no bo momento que  está a atravesar o fútbol sala galego, ao ser o Burela FS o club organizador, tras celebrar o evento o Ponte Ourense o ano pasado”.


Dende o Concello, Alfredo Llano e Neves Cando manifestaron a honra que supón para Burela acoller a competición entre os mellores conxuntos de España. “A tradición do fútbol sala en Burela e a súa espectacular afección serán unha garantía para a afluencia de público, nunha fin de semana que tamén se suma o ambiente das festas patronais da vila” dixo o alcalde, que xunto á concelleira de Deportes, lle deu ánimos ao equipo laranxa e lle desexou sorte na loita polo título.


Pola súa banda, José Ramón González Casas transmitiu o orgullo de toda a familia laranxa por ser o anfitrión dunha cita de referencia nacional e quixo agradecer a colaboración de institucións e entidades, con especial mención á Xunta de Galicia, Fundación Deporte Galego, a Área de Deportes da Deputación de Lugo, os concellos de Foz e Cervo e Turgalicia. Así mesmo, José Luis Sáez adiantou o horario do conxunto laranxa, á espera do cadro final de enfrontamentos que realizará o Comité Nacional de Fútbol Sala da RFEF: “Como equipo anfitrión o Burela FS estrearase na Copa o venres, ás 21.00 horas, fronte ao Cajasur Córdoba”.


Tanto o presidente coma o director xeral da entidade laranxa animaron a afección para compartir co Burela FS Pescados Rubén “este inmellorable final de tempada polo que o cadro laranxa leva esforzándose moitos meses e ao que chega coa ilusión de estar arroupado pola súa vila e a calor de Vista Alegre”. 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.