O Burela FS Feminino cae en Murcia (3-2) e medirase ao Cajastur Córdoba na Copa de España
O Burela FSF Pescados Rubén concluíu na cuarta posición da División de Honra tras perder por 3-2 na cancha do UCAM Murcia. As mariñás enfrontaranse nos cuartos de final da Copa de España (que se celebra en Burela do 3 ao 5 de xuño) ao Cajasur Córdoba, quinto, repetindo o enfrontamento do pasado fin de semana, que acabou 2-2.
A primeira metade foi de ida e volta constante, con ocasións para os dous bandos. As burelenses tiveron unha moi clara cunha contra de Milena ao segundo pau e remate posterior de Vanessa. O cadro local respondeu cun remate de María Otero ao poste no minuto sete.
O encontro continuou baixo os mesmos parámetros ata que Claudia puxo por diante ás laranxas tras un gran remate que se coou pola escuadra.
As dúas porteiras impediron que o marcador movésese máis na primeira metade, chegándose coa exigua vantaxe visitante de 0-1.
O UCAM Murcia, que se xogaba o descenso, saíu moi forte e motivados na segunda metade. Aos seis minutos unha perda de balón burelense na saída propiciou un golazo de Marta nun disparo desde a frontal.
O empate animou ás locais, que continuaron creando perigo, máis por empuxe que por xogo. María Otero conseguiu pór por diante ao seu equipo grazas a un gran movemento de pivote, virándose e batendo irremisiblemente a Irene, que substituíra a Jozi.
Lidia tivo o empate nas súas zapatillas, pero Vanessa volveu ser determinante para o seu equipo, detendo o lanzamento da á ferrolá. Acto seguido, Pardeiro apostou por utilizar o xogo de cinco con Dolo como porteira-xogadora. Así chegou un carrusel de ocasións, todas coa mesma protagonista, a meta local, que as desbaratou.
Un erro burelá propiciou o terceiro tanto do UCAM, que anotou Vicky desde a súa propia pista. As laranxas non se renderon, con Rosana como protagonista das últimas accións ofensivas. A pivote mariñá fallou unha ocasión e resarciuse anotando o 2-3. O equipo de Pardeiro seguiuno intentando ata o final, pero sen fortuna.
Categorías
- Actualidade
- Reportaxes
- Equipo masculino
- Equipo femenino
- Pioneiras
- Historia
- Turismo
- Educación
- RSC
- Institucional
- Patrocinadores
Reportajes
Noticias destacadas