04/04/2011

Táboas para o Ribadeo FSF-CD Riazor (0-0)

Táboas para o Ribadeo FSF-CD Riazor (0-0)

O Panificadora del Eo-Ribadeo FSF asinou unha igualada na visita do CD Riazor (0-0). Con esta, as mariñás xa suman catro xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, aínda que nesta ocasión non puideron pasar do empate sen goles.


Nun partido de grande intensidade entre dous equipos que se coñecen á perfección, as accións atacantes non puideron coas defensivas, con grandes intervencións das tres porteiras participantes, María polo Riazor e Carla e Vanessa polo Panificadora.


As ribadenses, cunha defensa moi intensa en campo contrario, fóronse facendo co control do partido aos poucos. Xa na primeira metade, Eva, soa diante da porteira visitante, desaproveitou unha clara oportunidade tras recibir un bo pase de Fátima. Nuria tamén torpedeou con perigo a meta coruñesa en varias ocasións.


Na segunda metade, o Riazor chegou esporadicamente á portería defendida por Vanessa. As ribadenses puideron adiantarse ao estrelar María un balón na cruceta e nos últimos momentos tamén contou con outra boa ocasión que saíu fóra por pouco. A ausencia de Marta nas filas mariñás, por causas familiares, puido ser determinante para romper a férrea defensa visitante.


O Panificadora visitará a próxima xornada ao difícil Bembrive, 5º clasificado con 43 puntos e que na pasada xornada derrotou a domicilio ao Cidade das Burgas (1-5).


Provincial feminina. O Xoula asegura o terceiro posto ao vencer o pasado venres en Ribadeo por 2-0 o FS Pastoriza en partido aprazado. O vindeiro sábado (18.30 horas) enfrontarase a domicilio ao Concello de Friol, primeiro clasificado, que non coñece a derrota.


Provincial masculina. O Ribadeo FS perdeu na Pontenova (2-1) e dá un paso atrás nas opcións de loita polo ascenso. O vindeiro sábado recibirá o Baralla.


 


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Carla, Nuria, Eva, María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Iria, Sabela, Arancha, Toñi e Vanessa.


CD Riazor FS: María, Alba, Sara, Paula e Elena, cinco inicial; tamén xogaron Viki, Aisna, Yesica e Nuria.


Árbitros: Andrés Saa Ramos e Antón Menéndez Nistal. Mostraron cartóns amarelos a María e Fátima polas locais e a Paula e Elena polas visitantes.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.