18/03/2011

O líder chega dende Puertollano para desafiar a bomboneira

O líder chega dende Puertollano para desafiar a bomboneira

Custodiando o liderado, o CD Puertollano chega á Mariña na trixésimo primeira xornada de Prata para desafiar a fortaleza da bomboneira. O espectáculo futbolístico dará comezo mañá ás 18.30 horas.


O Burela FS enfróntase a unha dura tarefa antes da xornada de descanso, na defensa da sétima praza (43 puntos), asediada polo Arcebansa Zamora (43) e o Lanzarote Arrecife 2020 Tías Yaiza (38). Os pupilos de Suso Rey poñerán a proba a resistencia de Vista Alegre ante o rival máis forte da categoría (70 puntos), cos mellores números como visitante; en 14 citas a domicilio, os castelano-manchegos tan só deixaron escapar 5 puntos, co empate ante ElPozo Ciudad de Murcia (3-3) e a derrota en Navarra (3-0), na cuarta e undécima xornada respectivamente.


A cita reunirá os dous conxuntos menos goleados de Prata, con 48 tantos encaixados para o Puertollano e 68 para o Burela FS, polo que ambas as escuadras se afanarán en perfeccionar a súa finalización. Os pivotes Párraga, con 25, e Werner, con 18, son os grandes protagonistas no remate das filas puertollanenses.


Nos últimos enfrontamentos entre casteláns e burelaos sempre se impuxo o factor cancha. Se na primeira volta os tres puntos caeron do lado do Puertollano (3-2), no play off  de 2009-10 os laranxas gañaron o encontro de Vista Alegre (5-2), fronte aos dous do Antonio Rivilla (6-4 e 3-0).


Para mañá, Suso Rey poderá contar finalmente con Edu e Esteller, minguados nos últimos días por unha contractura de abdutor e unha sobrecarga no xemelgo, respectivamente. Na convocatoria volverán entrar os xuvenís Antón e Juan.


Antes de dar comezo o partido, Vista Alegre gardará un minuto de silencio polas vítimas do terremoto do Xapón, un golpe da natureza contra o que o país nipón loita dende o pasado 11 de marzo.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.