12/09/2010

O Burela FSF vence o Ponte Ourense (0-2) e valida a Copa Galicia

O Burela FSF vence o Ponte Ourense (0-2) e valida a Copa Galicia

A Copa Galicia volve para A Mariña por segundo ano consecutivo. O Burela FSF Pescados Rubén validou o título tras a lección táctica despregada ante o favoritísimo, o Ponte Ourense, na final desta mañá en Celanova.


Nun primeiro período con poucas ocasións por ambas as partes, as pupilas de Javier Pardeiro afanáronse nunha férrea defensa en media pista, sen demasiada presión por parte das ourensás, para chegar ao descanso sen goles.


De volta, no minuto 28, Lara puxo o 0-1 nun saque de banda que reforzou animica e fisicamente ás laranxas. O Ponte intentou virar as tornas coa saída da porteira-xogadora, pero o encontro xa era das burelás; na primeira actuación de cinco das ourensás chegou o 0-2, de Lucía (minuto 32), dende propia pista. Sen deixar opción, as da Mariña seguiron medrando con ocasións e sen perigo na meta de Jozi, que se compenetrou á perfección coas compañeiras na profundidade de balón.


O Burela FSF converteuse no gran protagonista da festa galega hoxe en Celanova, coa manifesta indiferenza dos medios audiovisuais autonómicos, en favor do rival e perdedor ourensán.


 


Ficha técnica


Ponte Ourense: Eva, Sarita, Bea, Ampi e Laura, no cinco inicial; tamén xogaron Ana e Jessica.


Burela FSF Pescados Rubén: Jozi, Dolo, Lucía, Ro e Claudia, no cinco inicial; tamén xogaron Lara e Lidia.


Goles: 0-1, minuto 28, Lara; 0-2, minuto 32, Lucía


Tarxetas amarelas: Lucía (minuto 11), Javier Pardeiro (11) e Ro (11), polo Burela FSF

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.