30/07/2010

Cuchi continúa no proxecto laranxa

Cuchi continúa no proxecto laranxa

Silvia Estévez Alonso, máis coñecida como Cuchi, continuará no proxecto laranxa a vindeira tempada. A ala-peche viguesa asinou onte a súa renovación co Burela FSF Pescados Rubén xunto ao directivo da entidade Marcelino Luna.


No seu terceiro ano vestindo a elástica burelista, Cuchi confesou a súa motivación por asumir un novo reto na elite futbolística: “A evolución que puiden experimentar a tempada pasada, tanto en minutos coma en xogo, dáme azos para afrontar a liga en plenitude”. Independentemente dos reforzos e transaccións dos rivais, a ala-peche confía no proxecto laranxa. “Non está nada escrito. Penso que contamos aínda con máis posibilidades có ano pasado porque conservamos a base do cadro e, agora, xa coñecemos a categoría. Somos un grupo estable e ás posibles incorporacións futuras resultaralles doado adaptarse”, destacou a viguesa, que tamén incidiu na relevancia da plena concentración dende o comezo da competición: “Tocounos un calendario moi forte dende as primeiras xornadas e por iso debemos comezar a liga no mellor dos estados tanto físico coma mental”. 


Marcelino Luna identificou o compromiso de Cuchi como “un paso máis cara á consolidación na máxima categoría dun proxecto humilde, que conseguiu darse a coñecer entre os mellores e que volverá apostar pola fidelidade ás súas raíces en 2010-11”.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.