15/03/2010

O Burela FS difunde o fútbol sala a través da colaboración coas escolas da Mariña

O Burela FS difunde o fútbol sala a través da colaboración coas escolas da Mariña

Dentro do seu programa de promoción e impulso do fútbol sala na comarca da Mariña, o CD Burela FS vén de asinar senllos convenios de colaboración coa Asociación Cultural Deportiva Xove e o Concello de Cervo, a través das súas escolas futbolísticas.


Ata Xove desprazouse o sábado pasado o director da EDM Burela FS, Alfonso Mera, que formalizou o acordo co presidente da asociación, José Manuel Blanco. No consistorio cervense a sinatura entre o concelleiro de Deportes, Rubén Fernández, e Alfonso Mera tivo lugar esta mañá, nun acto ao que tamén acudiron os responsables das escolas municipais de Cervo, Mª. Esther Gómez e David Fraga.


Neste marco de actuación, o alumnado e profesorado das escolas de Xove e Cervo poderán gozar de xornadas de convivencia e amigables cos membros do CD Burela FS, ademais de recibir pases especiais para presenciar os encontros laranxas e acceder a descontos nas actividades programadas dende o club, como o Campus Mixto Internacional. A entidade burelista tamén lles brindará a súa escola a todos aqueles rapaces/as que non poidan continuar coa práctica do fútbol sala debido á inexistencia de categorías adecuadas no seu club de orixe.


Os acordos con Xove e Cervo constitúen o primeiro paso do CD Burela FS no seu traballo por establecer un nexo de unión coas diferentes entidades da Mariña que sirva para consolidar a práctica de actividade física e potenciar o deporte de base. Nestes momentos, o club laranxa está ultimando detalles con outros concellos e asociacións da bisbarra coa finalidade de estreitar lazos e ampliar o seu proxecto en torno ao fútbol sala de base. 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.