07/01/2010

Presentación do II Trofeo Raíñas Meigas Concello de Burela

Presentación do II Trofeo Raíñas Meigas Concello de Burela

O CD Burela FS presentou esta tarde, no salón de plenos do consistorio burelao, o II Trofeo Raíñas Meigas Concello de Burela de Fútbol Sala Feminino. Coa colaboración da Delegación de Deportes municipal e o patrocinio da Área de Deportes da Deputación de Lugo, o club laranxa ofrecerá nesta cita, o 10 de xaneiro, un duelo da División de Honra, entre o Burela FS Feminino Pescados Rubén e o Valladolid FSF.


O acto contou coa presenza do delegado da Área de Deportes da Deputación de Lugo, Antón Veiga, e a concelleira de Deportes, Neves Cando, xunto aos directivos da entidade burelista, Auditor Rodríguez e Antonio Couto.


Antón Veiga felicitou o labor do CD Burela FS en prol do fútbol sala e reafirmou o seu compromiso co proxecto laranxa: “O fútbol sala, que ten en Burela un referente consolidado, é unha das apostas nas que dende a Deputación de Lugo se está traballando, dentro do apoio progresivo que vimos prestando e seguiremos prestando ao deporte mariñán”. Neste senso, Neves Cando cualificou o Raíñas Meigas “como un referente no fútbol sala feminino e animou a toda a afección a acudir á cita, para repetir o éxito da primeira edición”.


Pola súa banda, Antonio Couto agradeceu tanto ao Concello coma á Deputación a axuda que ambas as administracións veñen brindando a todo o proxecto burelao, “sen a cal o CD Burela FS non podería chegar a unha estrutura con preto de 200 rapaces/as nas categorías inferiores, un equipo en Prata e outro en Honra, equiparable aos clubs máis sólidos de España”. O directivo burelista tamén incidiu no esforzo da entidade mariñá pola mellora continua desta cita: “Despois do triangular autonómico da primeira edición, co Cidade das Burgas e A Fervenza, este ano o Raíñas Meigas acolle un duelo nacional; ademais estamos traballando para que en edicións sucesivas poida chegar a alcanzar carácter internacional”.


A batalla Burela FSF-Valladolid FSF do II Trofeo Raíñas Meigas arrancará ás 12.00 horas do domingo, con acceso gratuíto para os socios/as do club e menores de 18 anos; o prezo da entrada para os adultos/as non socios/as será de 3 euros.


Selección Galega. A capitá laranxa, Claudia, non participará no encontro ante as valisoletanas, debido á súa convocatoria coa Selección Galega Absoluta para a fase previa do nacional, que terá lugar entre o 8 e o 10 de xaneiro en Ourense. O sábado, ás 12.00 horas, Galicia enfrontarase ao perdedor de Madrid-Cantabria e o domingo, tamén pola mañá, tocaralle medirse ao vencedor do antedito partido. 

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.