20/10/2020

O sacrificio regresa a Vista Alegre este mércores

O sacrificio, alma e carácter dos pupilos de Juanma Marrube volven este mércores ao mausoleo laranxa
O sacrificio regresa a Vista Alegre este mércores

O sacrificio, alma e carácter dos pupilos de Juanma Marrube volven este mércores ao mausoleo laranxa para medirase a Fútbol Emotion Zaragoza (20.30 horas), na quinta xornada, e cunha nova semana moi intensa. Sen case descanso, tras o desprazamento a Valdepeñas (4-1) do domingo, o Pescados Rubén Burela buscará recuperar a boa senda en casa. A cita poderá seguirse en directo.

Os mariñáns saltarán a Vista Alegre na sétima praza, avalados polos 6 puntos do pistoletazo de saída, para enfrontarse ao conxunto maño, que recala na Mariña na décimo terceira, con 4 puntos e 3 partidos disputados, co ronsel de conseguir a primeira vitoria esta fin de semana fronte a Real Betis Futsal (4-3).

“Será outra semana moi dura. Nestes momentos a nosa cabeza só está co partido de Zaragoza; despois tocará pensar en Xota”, advertía o polaco Míchal Kaluza, responsable de defender a rede burelista nos últimos encontros: “Estou sentíndome ben sobre a pista; foron dous partidos moi duros e intensos. Creo que fixen un bo traballo; estou moi contento por gozar de minutos”.

O meta internacional confía en que este mércores regrese o triunfo para as arcas galegas, apostando polo traballo: “Os resultados non nos acompañaron nestas dúas últimas xornadas, pero xogamos ben. Faltounos algo de sorte e efectividade en ataque, pero seguimos traballando, no noso camiño, e agardamos cambialo xa. Sabemos que Zaragoza é un rival moi forte, cunha defensa moi agresiva, pero nós xogamos na casa e queremos que os tres puntos queden en Vista Alegre”, adiantaba o 24 laranxa, marcando “a boa defensa e a corrección dalgúns erros individuais” para sumar tres novos puntos, repetindo a fortaleza xa demostrada no inicio de liga, ante Jimbee.

O conxunto laranxa aínda ten por diante dúas sesións preparatorias, esta tarde ás 18.00 e mañá ás 10.30 horas.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Nito, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Pitero, 7. Javi Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Renato, 13. Giasson, 16. Eto’o, 20. David Pazos, 22. Álex Diz, 23. Quintela, 24. M. Kaluza

Xornada 6, á espera

A pista do Osasuna Magna, é en principio o próximo destino dos galegos, correspondente á xornada 6 e programada para este venres ás 21.00 horas. O Pescados Rubén está á espera de coñecer se as medidas de confinamento decretadas por Navarra, con vigor a partir do xoves, afectarán á cita.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.