16/10/2020

As Guerreiras arrincan en Alcorcón con reminiscencias de final

O Pescados Rubén Burela FS dará o pistoletazo de saída á competición de Primeira División este sábado
As Guerreiras arrincan en Alcorcón con reminiscencias de final

O Pescados Rubén Burela FS dará o pistoletazo de saída á competición de Primeira División este sábado, ás 18.00 horas, na pista de AD Alcorcón FSF, con reminiscencias de final. Laranxas e alfareiras volverán reencontrarse despois de tres meses e medio desde a final de play off de Málaga na que as Guerreiras se alzaron co título por 3-2. A cita poderá seguirse a través de Youtube.

Los Cantos recibirá as campioas cunha homenaxe moi especial á laranxa Cristina Pérez, polo seu labor como enfermeira en Madrid durante a pandemia; así o deu a coñecer o equipo local onte a través da cartelería do partido nas súas redes sociais.

Galegas e madrileñas estrearanse mañá formando parte do Subgrupo B, con 9 equipos, tras os últimos cambios de calendario, xunto a Universidad de Alicante, Rayo Majadahonda, FSF Móstoles, Xaloc Alacant e Sala Zaragoza, ademais dos recentemente ascendidos Intersala Promesas Zaragoza e Melilla Sport Capital Torreblanca. “É algo que eu nunca vivín deportivamente; en Italia, por exemplo, é un formato máis habitual. Témonos que axustar, estamos nunha pandemia, e isto é o que nos toca vivir”, reflexionaba Bea Mateos sobre as novidades de formato desta tempada, ante o reto inicial, unha primeira fase que finalizará o 13 de marzo.

O primeiro obxectivo será a pista de Alcorcón. “É un equipo moi completo, que ten todas as súas liñas ben cubertas. Non sei se será o mesmo de Málaga, pero sabemos que é un rival moi agresivo, con moita facilidade de gol. Temos que traballar frear eses aspectos” advertía a 14 burelista, desexando poñer sobre a pista todo o traballo dos dous últimos meses con tres amigables e un test de Copa Galicia: “Traballamos moi ben, foi unha pretempada moi longa. Toda a nosa evolución reflectiuse nos partidos; aos poucos imos encaixando mellor” valoraba a ala-peche, antes do enfrontamento ao Alcorcón, que recala despois de medirse a Futsi no Memorial Félix Aranda, nun encontro de moitos goles (8-5).

Unha nova tempada empeza con todos os soños e metas por diante; iso Bea Mateos teno moi claro. “Creo que este é un equipo feito para gañar, para ir a por todos os títulos e para defendelos todos. A nosa meta é sumar de tres en tres e oxalá poidamos repetir todos os títulos do ano pasado. Esta semana é de competición e nótase; non traballamos con todos o efectivos pero estamos preparadas para empezar ao cento por cento” aseguraba a salmantina.

Se non hai cambios de última hora, a expedición poñerá rumbo a terras madrileñas mañá, ás 8.00 horas, con todo o vestiario dispoñible, a excecpión de Cely, por un edema articular no xeonllo que a mantén afastada desde hai semanas. As internacionais Ale de Paz e Jenny, que se mediron como rivais nos amigables desta semana en Quinta dos Lombos entre España e Portugal, incorporáronse onte aos adestramentos. Tamén regresa Peque, despois de non poder gozar do partido de semifinais de XIV Copa Galicia o sábado, por unha luxación de ombreiro sufrida nun amigable fronte a Ourense Envialia.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.