13/10/2020

De ti a ti ante a gran solidez de Movistar

O Pescados Rubén Burela FS demostrou o grande orgullo de equipo e de carácter fronte ao titánico Movistar Inter
De ti a ti ante a gran solidez de Movistar

O Pescados Rubén Burela FS demostrou o grande orgullo de equipo e de carácter fronte ao titánico Movistar Inter esta tarde en Vista Alegre, fronte á solidez dun rival ao que os galegos souberon mirar de ti a ti sobre o parqué, igualando as forzas en moitas fases do partido. Con todo a falta de finalización penalizou en demasía ante o campión, que completou a curta vantaxe de 0-1 ao descanso co definitivo 0-3.

Corte en streaming

Despois de sufrir o segundo corte en streaming a través de Youtube esta tempada, o Pescados Rubén reafírmase na defensa ante os tribunais do dereito dos afeccionados para gozar de Fútbol sala. Hoxe puidemos emitir a través de Twitch. A estratexia de amedrentamento da Liga de Fútbol Profesional e da liga Nacional de Fútbol Sala non vai facer efecto na determinación desta entidade en defender os seus dereitos de televisión e os dereitos de todos os afeccionados.


Co ronsel da vitoria nestas dúas xornadas, o Pescados Rubén Burela FS e a Bomboneira gozaron dun gran ritmo e ocasións por ambos os lados. Quintela fixo tremer o pau no 3 de xogo, pero foi Eric Martel o que adiantou no 5; M. Kaluza xa freara a Tripodi cun unha gran resposta segundos antes. Tivo o empate unha das Xoias, Pitero, no 6, pero desartellouno Herrero coa cara. A partir de aí gañaron en actitude e temperanza os de Juanma Marrube fronte ao gran campión; fixeron un gran despregamento os do Mariskal cunha gran presión ante un Movistar impertérrito.

Enteireza e forza no regreso para os galegos. M. Kaluza mantivo o marcado sen moverse ante Pito na continuación. No 26 estaba Quintela preparado ao segundo pau para o empate ao pase de David Pazos pero as filas interistas evitárono. Tívoa despois o 20 laranxa, con nova aparición estelar de Herrero. Bruno Iacovino subiu o segundo no 28, a pase de Eric Martel. Cecilio puxo a proba á defensa local sen éxito, con bloqueo de Eto’o primeiro e gran saída de Kaluza máis tarde. Con 2-0, chegaron os minutos máis incisivos en exposición para os galegos; merecía o Burela o gol que lle dese ás no partido. A punto estivo de chegar o primeiro dos burelistas superado o ecuador do segundo acto entre Álex Diz e Pitero, pero aí estaba Martel para evitalo. O premio merecido non chegou tampouco no 32, cunha gran parede entre o mesmo tándem e aproveitaron os de Movistar para anotar o 0-3, cunha chegada de Pito, nun balón que superou ao meta local, con Dani Saldise empuxando de cabeza ao segundo pau.

Definitivamente o gol non estaba ao lado burelista. Iago Míguez dispuxo de dúas tentativas ao segundo pau, sen poder conectala. Tentouno máis tarde Eto’o por arriba pero fóiselle desviado. Con cinco e medio por diante, Quintela enfundouse na camisola de porteiro xogador. Boyis freou a Pitero, que foi un dos protagonistas sobre a rede interista no último tramo.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Lucho, David Pazos, Álex Diz, Quintela, cinco inicial; tamén xogaron Renato, Pitero, Giasson, Iago Míguez, Eto’o

Movistar Inter: Herrero, Tripodi, Raia, Borja, Pito, cinco inicial; tamén xogaron Cecilio, Dani Saldise, Boyis, Eric Martel, Bruno Iacovino, Fer Drasler

Goles: 0-1, minuto 5, Eric Martel; 0-2, minuto 28, Bruno Iacovino; 0-3, minuto 32, Dani Saldise

Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro. Por Burela amarela para Pitero (minuto 5), Eto’o (minuto 30). Por Inter amarela a Fer (minuto 16), Boyis (minuto 28)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 3 de Primeira División Masculina. Vista Alegre gardou un minuto de silencio inicial polo falecemento de Marcos Valhermoso, irmán do xogador laranxa Matamoros.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.