12/10/2020

Jozi Oliveira e Daniel Giasson presentan a tempada en Mondoñedo

A porteira e o xogador puideron visitar recentemente o fermoso pobo de Mondoñedo
Jozi Oliveira e Daniel Giasson presentan a tempada en Mondoñedo

A porteira e o xogador do Pescados Rubén Burela FS puideron visitar recentemente o fermoso pobo de Mondoñedo, unha das vilas máis importantes e belas que se poden contemplar na Mariña lucense. Mondoñedo é un concello con moito que ofrecer no plano turístico, sendo ademais paso habitual de miles de peregrinos cada ano no seu camiño cara a Santiago de Compostela. Acompañados de Manuel Tapia, concelleiro de deportes, percorremos algúns dos lugares máis bonitos de Mondoñedo.

Manuel Tapia: "Como dicía o noso gran Álvaro Cunqueiro, Mondoñedo é a única cousa que enche o ollo do home”

Manuel Tapia fala orgulloso de Mondoñedo, como un concello repleto de historia e zonas de interese cultural: “Mondoñedo, como unha das cidades da Mariña lucense, ten un interese histórico e cultural dos máis destacados a nivel nacional. Como dicía o noso gran Álvaro Cunqueiro, 'Mondoñedo é a única cousa que enche o ollo do home'”. Pero tampouco nos podemos esquecer dun dos grandes focos de turistas da cidade, o Camiño de Santiago, polo que circulan decenas de miles de persoas todos os anos: “Cando vés facendo o Camiño do Norte e entras en Mondoñedo, esa contorna da praza e o centro histórico, é un preámbulo do que verán en Santiago. É a primeira catedral que van atopar ata Santiago".

Jozi Oliveira: “Temos o mellor do fútbol sala en Burela”

Jozi Oliveira é unha das xogadoras veteranas do equipo, coñecendo moi ben todo o que se avanzou nos últimos anos: “O proxecto do Pescados Rubén Burela FS desde o principio foi un proxecto de futuro, de continuidade. Así foi co feminino, unha aposta firme e seria polo equipo, polo deporte feminino, e foi bonito durante todos estes anos. Son moitos anos en división de honra, logramos ser campioas de España, e o traballo segue firme. Temos o mellor do fútbol sala en Burela”. Ademais, espera que no futuro máis compañeiras doutros equipos poidan gozar dun convenio colectivo: “Nós desexamos que toda a categoría poida gozar dun futuro próximo dun convenio así. Dálle visibilidade ao club e está ligado aos éxitos deportivos”.

Daniel Giasson: “A primeira meta é mellorar a tempada pasada”

Aínda que é un dos reforzos recentes do equipo, Daniel Giasson xa se integrou perfectamente ao equipo e ao club: “Desde o principio tiven moi boas impresións, do que era o equipo, do que é a familia do Burela. Unha palabra da que se fala moito dentro do vestiario e a verdade é que desde o principio notouse que se vive así o día a día do equipo”. Para a nova tempada os obxectivos son claros, mellorar a campaña anterior e lograr a permanencia: “A primeira meta é mellorar a tempada pasada. Sabemos que vai ser unha tempada atípica, un pouco diferente, pola situación actual na que vivimos”.

Mondoñedo: a mellor contorna cultural e natural

Mondoñedo é unha cidade fantástica da Mariña interior, onde a natureza e a cultura mestúranse nun enclave bonito e tranquilo. Son moitos os lugares que podemos recomendar da vila do poeta Álvaro Cunqueiro:

Catedral de Mondoñedo

Declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, a catedral de Mondoñedo con máis de 800 anos de historia é unha construción magnífica, englobando bens de interese cultural e arquitectónico únicos. Está considerada como unha basílica única, mesmo recibe o nome de "Catedral arrodillada" pola súa escasa altura.

Cova do Rei Cintolo

Nesta cova únense o interese natural, cultural e histórico de Mondoñedo. Unha cova catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio como Xacemento de tipo Paleolítico, ligado ás primeiras etapas do home na terra.

Camiño do Norte

O Camiño de Santiago do Norte visita nunha das súas etapas a cidade da Mariña interior, sendo para os peregrinos de gran interese a Catedral e todo o marabilloso centro histórico de Mondoñedo.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.