09/10/2020

Inicio de liga de récord nas redes sociais para o noso cadro masculino

O alcance das nosas canles de comunicación creceu pese ao corte por parte da LNFS e La Liga
Inicio de liga de récord nas redes sociais para o noso cadro masculino

O pasado día 3 de outubro o noso cadro masculino comezaba a tempada nun emocionante partido contra o Jimbee Cartagena no que se logrou unha vitoria por 5 goles a 2. Gozamos dun partido emocionante no que todo o persoal do Pescados Rubén Burela mostrouse sólido e concentrado durante os 40 minutos de encontro.

Pero hoxe non queremos falar do partido, senón das enormes ganas que tiñan os afeccionados ao fútbol sala de que regresase a competición. En primeiro lugar polo cheo en Vista Alegre, un pavillón que viu como se ocupaban todos os espazos dispoñibles coas limitacións impostas pola pandemia de Covid-19.

E en segundo lugar polo comportamento dos nosos perfís nas redes sociais. O partido do día 3 de outubro, e os feitos deportivos e extradeportivos acaecidos no mesmo, fixeron posible que o noso alcance en redes sociais crecese durante a semana do 28 de setembro ao 4 de outubro un 212%. Ademais, as interaccións sufriron un crecemento do 300%.

Máis de 800.000 persoas estiveron pendentes durante a devandita semana da actividade do club nas redes sociais, e decenas de miles compartiron ou comentaron os nosos contidos. Especial mención tamén ao directo que desde o club realizamos a través de Youtube, con autorización por escrito do Jimbee Cartagena e facendo uso dos nosos dereitos de emisión. Este programa, que ademais do partido inclúe interesantes debates e comentarios, alcanzou os 850 espectadores simultáneos antes de ser cortado de forma ilegal pola LNFS e La Liga.

As nosas previsións, que ata ese momento estaban a cumprirse segundo o planeado, esperaban dobrar esa cifra durante o partido. O corte supuxo unha diminución importante da nosa capacidade de alcance, algo que afectará aos nosos acordos de patrocinio causando un prexuízo económico grave ao Pescados Rubén Burela F.S.

Precisamente os contidos máis visitados e compartidos foron os relacionados con este corte da emisión en directo, especialmente o Tweet no que anunciabamos a situación, que destaca con máis de 200.000 impresións e máis de 28.000 interaccións.
Nesta primeira xornada cernouse o noso dereito para facer uso dos nosos dereitos de emisión e impediuse aos nosos afeccionados, e aos do Jimbee Cartagena, ver un partido en directo, algo que é hoxe máis necesario que nunca ao existir fortes restricións no aforo dos pavillóns por culpa da Covid-19.

Desde o Pescados Rubén Burela F.S. esperamos repetir e mellorar estes datos en moitas ocasións ao longo de toda a tempada, pero confiamos en facelo grazas ao apoio da nosa afección e á nosa capacidade para emitir en directo os nosos partidos despois dunha importante inversión, e non grazas á capacidade da LNFS e La Liga para xerar polémica.

A pesar de todo, estes datos demostran as ganas que a afección ten de que volva o Futsal e a idoneidade do noso deporte como soporte publicitario, tamén en tempos de pandemia. Por último, dar as grazas a todos os afeccionados, clubs e institucións que nos demostrastes o voso apoio durante as últimas semanas por diferentes medios. Convosco si hai e haberá Futsal.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.