2020/21 Club deportivo Burela Fútbol Sala Único club con equipos masculino e feminino en primeira división
Pescados Rubén
Novas
01/10/2020
O Pescados Rubén renova o Convenio de Xogadoras Profesionais
O presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco Fanego, reuniuse esta mañá coas capitás do equipo laranxa de Primeira, Peque e Bea Mateos, na renovación do Convenio Colectivo de Xogadoras Profesionais, pioneiro non só no fútbol sala feminino senón tamén no deporte feminino en España.

Case dous anos pasaron desde aquel 18 de decembro de 2018 no que directiva do Pescados Rubén e cadro, xunto á Asociación de Xogadoras de Fútbol Sala Feminino, formalizaban un acordo que marcaba un antes e un despois na igualdade e o profesionalismo do fútbol sala, dando a volta a toda España. “Sempre fomos un club que demostrou a igualdade con feitos. A sinatura do convenio foi un momento moi importante, reforzando todo o traballo e implicación de anos, pero o noso labor neste sentido non cesou. Toda a sociedade ten un camiño moi longo por diante” reflexionaba o presidente, xunto a Peque e Bea Mateos, dúas das protagonistas daquel momento.

“Estes dous anos foron un paso cara adiante para a nosa profesionalización e o noso deporte. O Pescados Rubén xa era un club que evolucionaba moito cada ano, pero o convenio foi unha forma de darlle unha gran visibilizacion a todo ese labor. Nós xa tiñamos unhas condicións que podiamos considerar privilexiadas pero con isto aínda máis. Oxalá moitos equipos tomen exemplo e sigan estes pasos” explicaba a 14 burelista, coincidindo con Peque, que incidiu na tranquilidade e seguridade coa que pode traballar o equipo: “Deportivamente falando conseguimos a regularidade de éxitos e títulos que se merecía. Estamos a manter un bloque compacto e temos un grupo consolidado. Toda a seguridade que nos ofrece o convenio fainos centrarnos soamente no 40x20, que é o noso traballo. Vivímolo a tempada pasada, co Covid; o club demostrounos que estamos nun entidade onde se coida ás xogadoras, que mira polo noso benestar laboral”.

“Cada vez somos máis as xogadoras que cotizamos, cada vez son máis os clubs que dan pasos en profesionalización. É importante que os clubs demostren que queren facer medrar este deporte. Quizais os pasos deberían ser máis rápidos pero hai avances” valoraban así as xogadoras a situación actual de fútbol sala en igualdade.

Dereitos blindados

Despois de meses de negociacións entre o club, as xogadoras e a AJFSF, o Convenio de Xogadoras Profesionais fíxose realidade a finais de 2018 contemplando aspectos como a renovación automática en caso de embarazo, compromiso de vacacións en datas sinaladas, dereito a 10 días de Asuntos Propios por coidado de fillos ou maiores, axudas para conciliación familiar (garderías, axuda de libros de texto...), salario mínimo de 900 euros, con subida do 2% anual, o club compartirá dereitos de imaxe coas xogadoras e seguros de accidentes e invalidez.

Publicidade
X Pechar