28/09/2020

Pescados Rubén vence ao Parrulo (2-4) e estará na gran final copeira

Pescados Rubén Burela FS cumpriu cunha nova vitoria na volta de semifinais de XXIX Copa Galicia
Pescados Rubén vence ao Parrulo (2-4) e estará na gran final copeira

Tras o triunfo 5-3 de Vista Alegre, o Pescados Rubén Burela FS cumpriu cunha nova vitoria na volta de semifinais de XXIX Copa Galicia ante O Parrulo (2-4), levando a iniciativa sempre no electrónico e cunha ampla rotación, para coarse na gran final irmandiña. Os pupilos do Mariskal coñecerán a identidade do seu rival o sábado, día 10, o enfrontamento na pista do Noia Portus Apostoli (18.30 horas), que recibirá con vantaxe de 3-4 na ida ao Santiago Futsal.

Nunha primeira parte igualada e moi disputada, o primeiro en avisar foi O Parrulo nos compases iniciais a través de William, pero a maxia de Matamoros fixo acto de presenza pouco despois para abrir a vantaxe dos mariñáns, desde os dez metros e pola escuadra. No minuto 5 a punto estivo de chegar o segundo dos laranxas, entre David Pazos e Lucho. Volveuno intentar o de Ames segundos despois, pero foi Quintela o que subiu o 0-2 nunha xogada rápida que culminou ao segundo pau (minuto 6). Kevin Chis reduciu dentro da área tan só un minuto despois. Superado o ecuador do primeiro acto, Pitero ampliou de novo a renda dos do Mariskal, de estratexia. Nas zapatillas de Renato aínda puido subir o cuarto antes do descanso, tras saque de esquina.

Avisou Quintela á volta con moito perigo dos burelistas. Tras dobre tentativa de Renato, intentou Kevin Chis en contragolpe. Volveu a ocasión para o Pescados Rubén, cunha falta de David Pazos. Kevin Chis volveu probar superado o 30 de xogo pero de novo fóiselle fóra. Foi ao pouco cando reapareceu o 20 burelista para anotar de rexeite o 1-4 (minuto 33). Estrelouna ao largueiro Matamoros acto seguido. Os de Juanma Marrube tíñano moi claro e non ía deixar escapar a oportunidade de loitar na finalísima copeira. Con cinco faltas na cuadrícula laranxa, Chesky volveu darlles azos aos parrulos no 36 subindo o 2-4, ao segundo pau. Sumaron a quinta tamén os de Ferrol entrando na recta final do envite, con tranquilidade para as filas visitantes.

Posta de gala, o sábado

O novo proxecto de Juanma Marrube estreará liga este sábado, en Vista Alegre (18.30 horas), coa visita de Jimbee Cartagena na xornada inaugural.

Ficha técnica

O Parrulo FS: Marc García, William, Isma, Kevin Chis, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Miguel, Miguel Caeiro, Thalles, Morioka, Yago Tenreiro, Chesky, Víctor Espíndola

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Pitero, Matamoros, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, David Pazos, Álex Diz, Quintela, Javi Rodríguez, Renatinho, M. Kaluza, Nito, Quelle

Goles: 0-1, minuto 2, Matamoros; 0-2, minuto 6, Quintela; 1-2, minuto 7, Kevin Chis; 1-3, minuto 12, Pitero; 1-4, minuto 33, David Pazos; 2-4, minuto 36, Chesky

Árbitros: Darriba Villamor // Figueroa Veiga. Polo Parrulo, amarela para Isma.

Incidencias: Partido de volta de semifinais de XXIX Copa Galicia disputado na Malata (Ferrol).

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.