18/09/2020

Un regreso do máis intenso

Deleitouse a Bomboneira cun bo papel dos de Juanma Marrube coa volta de Iago Míguez tras 357 días
Un regreso do máis intenso

O Pescados Rubén Burela FS gozou dun regreso do máis intenso despois de case sete meses sen futsal, cunha cita moi equilibrada ante o Palma Futsal (2-3). Deleitouse a Bomboneira cun bo papel dos de Juanma Marrube coa volta de Iago Míguez tras 357 días da súa lesión de xeonllo e o gran recibimento da Bancada Laranxa; tamén houbo aplausos para a entrada doutras das nosas Xoias como Nito e Renatinho.

A pesar de que o resultado escapou a tan só 12 segundos, a escuadra mariñá puido gozar dun dobre triunfo: “A primeira vitoria desta tarde foi poder volver xogar despois de todos estes meses e a segunda a recuperación de Iago; volve ser un máis sobre a pista” explicaba o técnico de Alfoz, destacando a solidez e o bo axuste ao canalizar esas ganas sobre o parqué. “Soubemos demostrar o traballo de todo este tempo ante un rival que chegaba coa rodaxe de tres amigables, fronte ás nosas primeiras sensacións” reflexionaba o Mariskal.

Igualdade e ocasións en ambas as redes. Esa foi a tónica dunha cita que tivo arrecendo cento por cento burelista no inicio do electrónico, de Pitero, no minuto 4, de tacón. Tan só 26 segundos se fixo esperar a resposta de Palma Rafa López cun disparo baixo. Pescados Rubén, ben posicionado, fíxose forte para frear as tentativas do Palma.

Renato recuperou a iniciativa no marcador nun potente disparo afastado á escuadra; transcorreran cinco minutos dun segundo acto que o 12 burelista xa estreara con moito perigo nos primeiros segundos. Tomaz devolveulles as táboas ao electrónico no 28 a pase de João. Sen conseguir desartellar a defensa galega, a pouco máis de tres minutos, Palma optou por xogo de cinco. Kaluza, en consonancia con Renato, freou a primeira arremetida. As mans do polaco volveron facer acto de presenza ante Raúl Campos. Os pupilos de Juanma Marrube tamén quixeron probar o porteiro-xogador, con Mata, nas últimas tentativas. Os insulares atoparon a vitoria a tan só 12 segundos para o final con Raúl Campos ao segundo pau.

Noia, próximo test. Os mariñáns disputarán o segundo amigable da pretemporada o martes, 22, na pista de Noia Portus Apostoli (Agustín Mourís, 20.30 horas)

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Pitero, Javi Rodríguez, Matamoros, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Álex Diz, Quintela, David Pazos, Lucho, Eto’o, Iago Míguez, Nito, M. Kaluza, Renatinho

Palma Futsal: Fabio, Tomaz, Diego Nunes, Allan, Mati Rosa, cinco inicial; tamén xogaron João, Lolo, Vilela, Rafa López, Raúl Campos, Hamza, A. Claudino, Marlon

Goles: 1-0, minuto 4, Pitero; 1-1, minuto 5, Rafa López; 2-1, minuto 25, Renato; 2-2, minuto 28, Tomaz; 2-3, minuto 40, Raúl Campos

Árbitros: Darriba Villamor // Menéndez Nistal. Por Palma amarela a Rafa López, C. Barrón, Hamza, João

Incidencias: Amigable de estrea de pretempada disputado en Vista Alegre con aforo máximo permitido de 300 persoas.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.