07/09/2020

Cilene Pereira nova renovación de Pescados Rubén

A brasileira Cilene Pereira aposta polo Pescados Rubén Burela FS unha tempada máis
Cilene Pereira nova renovación de Pescados Rubén

A brasileira Cilene Pereira aposta polo Pescados Rubén Burela FS unha tempada máis. A súa renovación foi unha das máis esperadas pola afección ao tratarse dunha das mellores xogadoras e máxima goleadora que, un ano máis, está disposta a levar ao equipo ao nivel máis alto.

A peche burelista cumprirá a súa quinta tempada defendendo a camiseta de Pescados Rubén e non dubida en mostrarse positiva e con ganas de gozar xunto ao equipo que creceu nos últimos anos. “Estou preparada e con moitas ganas de empezar para poder gozar e facer gozar á xente tamén”. Un ano máis, Cilene está lista para gañar títulos xunto ás Guerreiras Laranxas e levar ao equipo a un novo nivel.

Esta tempada 2020/21 chega co equipo fronte ao reto de defender varios campionatos conseguidos a tempada pasada. Con todo, os obxectivos están claros e a xogadora non ten dúbidas de que, aínda que a tempada pasada foi realmente boa, aínda poden mellorar como equipo. “O noso obxectivo é manter os títulos que gañamos a tempada pasada, traballar cada día para mellorar e buscar evolucionar pouco a pouco”.

Por suposto, aínda que quere comezar a nova competición, Cilene é consciente de que a volta chega nunha situación algo complicada. “Estamos a vivir un momento no que temos que coidarnos, pensar sobre todo na saúde.” Por suposto, a falta da afección nas bancadas farase notar, o que enrarecerá a volta á competición, pero iso non impide que a xogadora lembre con agarimo aos seguidores laranxas, aos que envía unha mensaxe. “Este ano imos vivir algo moi raro e ao que non estamos afeitos, que é xogar sen afección. Pero se que estaremos xuntos, aínda que esteamos lonxe”.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.