22/01/2020

Xande e Pixote, preparados para Vista Alegre

Xande e Pixote, preparados para Vista Alegre
As caras novas do Pescados Rubén Burela FS, os alas brasileiros Xande e Pixote, poderán debutar este sábado en Vista Alegre ante o titánico Movistar Inter FS (18.30 horas). Acompañados polo presidente mariñán, Manuel Branco, as últimas incorporacións do vestiario de Juanma Marrube falaron das súas primeiras impresións no fútbol sala español e da adaptación á Familia Laranxa.

Alexandre dos Santos ‘Xande’ (Rio de Janeiro, 1988), internacional coa Selección do Uruguai, estréase nas pistas españolas, procedente do Jaragua Futsal, aínda que esta non será a súa primeira aventura en Europa: “Tiven unha experiencia marabillosa en Portugal con Benfica e quería volver ao fútbol sala europeo. Necesitaba un novo desafío e Burela presentouse como unha grande oportunidade; falábanme moi ben do equipo, dos xogadores e do trato do club así que foi unha decisión moi doada” explicaba a ala zurdo, prometendo competitividade e experiencia: “O equipo recibiume moi ben; o equipo ten un bo bloque pero non tivo moita sorte. Hai que mirar cara adiante para seguir medrando e para iso chegamos nós, para axudar en todo poidamos. Temos o primeiro reto este sábado, cun dos mellores equipos do mundo” explicaba o novo 15 burelista, que terá un novo compromiso internacional a partir do domingo: “Xogar na selección é un motivo de moito orgullo. Uruguai acolleume moi ben, temos grandes soños e o principal pasa agora mesmo por xogar a Copa do Mundo. Agora temos un bonito reto; espero conseguilo e volver con máis confianza para dar o mellor do meu xogo aquí, co Pescados Rubén”.

Alexandre Rodrigues Canha ‘Pixote’ (Recife, 1987) recala en Burela tras o seu paso recente por Magnus e Copagrill Futsal e coa honra de defender a camisola do Brasil. “Teño as mellores expectativas nesta nova etapa. Chego para achegar experiencia ao equipo, coa miña traxectoria en Brasil e Rusia, e axudar en todo o que poida”, mostrábase así, contento e ilusionado, o 13 laranxa: “Puiden participar na rotación o domingo; as sensacións sobre a pista foron boas; espero adaptarme axiña e axudar canto antes ao equipo” reflexionaba así o ala sobre os seus primeiros minutos co Pescados Rubén, na pista de Levante, onde tamén debutou Xande.

“O fútbol sala é moi diferente ao brasileiro tanto no xogo como nas calidades dos deportistas. Vimos dispostos a dar todo de nós para poder axustarnos á dinámica do equipo rapidamente”, coincidían Pixote e Xande.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.