18/01/2020

Sufrida vitoria ante Móstoles (4-3)

Sufrida vitoria ante Móstoles (4-3)
O Pescados Rubén Burela FS dá un paso máis coa sufrida vitoria na visita do Móstoles FSF (4-3). Vista Alegre foi testemuña de dúas partes moi diferentes; as de Julio Delgado non ofreceron a súa mellor versión antes do descanso, foron demasiado planas e horizontais. Á volta, o partido gañou en dinamismo e vistosidade cunhas Guerreiras máis atrevidas; o tira e afrouxa no marcador decidiuse no xogo de cinco.

Jane a punto estivo de sorprender no 4 cun bonito control fronte a Miri, que se foi alto. Antes internárase Luci, con moito perigo, e Cilene, no rexeite. Ata o 6, as de Móstoles non chegaron á rede galega; foi nas zapatillas de Desi Godoy cunha boa resposta de Ana Romero. Aínda que dispuxeron de ocasións as galegas, co paso dos minutos o perigo foise esvaendo ante unha boa labor defensiva do Móstoles, que conseguiu manter o 0-0.

O segundo acto comezou con máis protagonismo baixo paus e un Pescados Rubén máis vertical. Jozi salvou a balón parado e despois tívoa Ale de Paz; á primeira non puido ser pero pouco tardou en estrear o luminoso, en recuperación ante unha Miri moi adiantada. Respondeu o Móstoles cunha galopada de Alicia Benete que rematou nun disparo cruzado desviado e en menos dun minuto chegou a igualada, desde saque de banda, transformado por Inma. Volveu poñer perigo Jenny no 25 de lonxe. Lara Balseiro non puido chegar, no 27, á grande incursión pola banda de Jane. As pupilas de Julio Delgado apropiáronse do esférico para centralizar as ocasións na área mostoleña. Ale de Paz, no 28, desaproveitou unha de ouro coa portería libre. As madrileñas adiantáronse no 31, con Andreza, en rexeite, desde estratexia, pero pouco lles durou a alegría; a escasos segundos Jane protagonizou o 2-2. No 34, Ale de Paz non puido triunfar en pugna na área, pero de novo aos poucos segundos conseguiuno a 17 laranxa, en rexeite. A ex das burelistas Shiori liderou o xogo de cinco entón co 3-2 e non se fixo esperar a recompensa; Celia desde a banda sorprendeu a Jozi cun balón alto. Con 3’52” por diante respondeu o cadro local; Bea Mateos enfundouse na camiseta de porteira xogadora e nin máis nin menos que 24 segundos despois Cilene selou, coma sempre maxistral, o 4-3. Seguiu o Móstoles con ataque de cinco; Andreza a punto estivo de recuperar o empate. Malia non contar co quinteto defensivo, Burela puido manter a vantaxe e conseguiu neutralizar as chegadas de cinco do rival ata a bucina final.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Ale de Paz, Jenny Lores, cinco inicial; tamén xogaron Jane, Lara Balseiro, Jenny, Jenny Lores, Jozi, Bea Mateos

Móstoles FSF: Miri, Patri Chamorro, Celia, Inma, Alicia Benete, cinco inicial; tamén xogaron Andreza, Desi Godoy, Shiori

Goles: 1-0, minuto 22, Ale de Paz; 1-1, minuto 23, Inma; 1-2, minuto 31, Andreza; 2-2, minuto 31, Jane; 3-2, minuto 34, Ale de Paz; 3-3, minuto 35, Celia; 4-3, minuto 37, Cilene

Árbitros: Héctor Valdés // Francisco Román. Por Móstoles amarela a Andreza (minuto 37).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de Primeira División disputado en Vista Alegre ante unhas 600 persoas

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.