11/01/2020

O Pescados Rubén planta cara a todo un Magna (2-2)

O Pescados Rubén planta cara a todo un Magna (2-2)
O Pescados Rubén Burela FS estreou o ano en Vista Alegre demostrando oficio e sacrificio ante un dos grandes, o CA Osasuna Magna (2-2), que recalaba na Mariña co cartel de favorito. Os de Juanma Marrube supliron a escaseza de efectivos cun paso adiante de todos os xogadores, sendo máis equipo ca nunca. Chegando ao descanso conseguiron dar a volta á iniciativa dos visitantes para comezar a segunda parte con vantaxe de 2-1. Fixeron de todo os mariñáns para ampliar a vantaxe no reinicio pero perdoaron demasiado e o Magna aproveitou para aferrarse a 1 punto (merecido?) a medio minuto da bucina.

.

Nos primeiros compases Mata intentouno de lonxe e segundos despois protagonizou o primeiro gran perigo, esperando Álex Diz, ao segundo pau. Que pena!!!! Aínda non se cumprira o minuto e medio de xogo. No seu debut ligueiro en Vista Alegre, M. Kaluza freou a primeira embestida do Magna, nun disparo cruzado de Juninho. Viviron as súas mellores ocasións os de Juanma Marrube tras o ecuador do primeiro acto; intentouno o máxico 10 no 11, de lonxe, cunha man providencial de Asier por arriba, e no 12 Pope, desartellado polo pau, e de novo Matamoros fronte ao meta visitante. M. Kaluza converteuse no gran protagonista no seguinte minuto, neutralizando as intencións do Osasuna a balón parado e por partida dobre. Os de Imanol Arregui conseguiron subir o 0-1 no 15, nun pase á área laranxa que resolveu Dani Saldise fronte ao polaco. A falta de 1”57” para o descanso a Bomboneira estalou co empate dos galegos, nun espectacular pase de M. Kaluza a Mata, que sentenciou de cabeza. Tan só 52 segundos despois os de Juanma Marrube conseguiron tomar a iniciativa no electrónico nunha contra de Pope que culminou Lucho nunha gran galopada.

O perigo tivo brillo local no regreso ao parqué. Álex Diz, de vaselina, e Joselito, contra o pau, levantaron á Bancada Laranxa no 23; o 2 mariñán volveu poñer a proba a Asier no 24 cun mísil. Estábao merecendo o Pescados Rubén. Volveu á carga o conxunto galego rozando o 30, con Matamoros, de falta, e Álex Diz, en vaselina. Non houbo fortuna pero M. Kaluza estivo moi atento no 31, fronte a Mancuso, para manter a renda. Volveu errar nunha de ouro o Burela para ampliar vantaxe, no 34, cunha galopada de Lucho que non puido finalizar Diz ao segundo pau. Entón apostou Imanol Arregui por xogo de cinco. Kaluza volveu frear a Mancuso e Eric Martel. O empate de Osasuna, demasiado premio, chegou a falta de 31 segundos para a bucina final, aproveitando unha transición, que superou a liña de meta con Álex Diz. Pelexaron os locais ata a extenuación, aínda dispuxo Matamoros de ocasións pero era demasiado tarde.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Joselito, Lucho, Matamoros, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Luisma, Pitero

CA Osasuna Magna: Asier, Juninho, Mancuso, R. Martil, Rafa Usín, cinco inicial; tamén xogaron Eric Martel, Araça, Dani Saldise, Chamas, Íñigo,

Goles: 0-1, minuto 15, Dani Saldise; 1-1, minuto 19, Matamoros; 2-1, minuto 19, Lucho; 2-2, minuto 40, Álex Diz (pp)

Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro (Castela e León). Por Burela amarela a Matamoros (minuto 13). Por Magna amarela a Roberto Martil (minuto 23), Mancuso (minuto 33)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de Primeira División disputado en Vista Alegre ante máis de 800 persoas.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.