14/12/2019

Pescados Rubén 6-4 UCAM ElPozo

Pescados Rubén 6-4 UCAM ElPozo
Malia as baixas e o cansazo de Copa da Raíña, liga e seleccións nesta semana, o Pescados Rubén Burela FS puido sacar adiante un partido moi movido no electrónico ante o UCAM ElPozo Murcia FSF (6-4), ante un rival novo, pero traballado e con moita pegada, que puxo as cousas difíciles nas filas mariñás.

O UCAM sorprendeu poñéndose por diante no primeiro minuto de xogo, con Pepa ante Jozi. Respondeu o conxunto galego con Bea Mateos igualando a contenda 45 segundos despois. No 5, Pepa recuperou a vantaxe cun disparo raso. E de novo igualada; Jenny asinou un golazo aos poucos segundos desde saque de banda e Cristina, no seu regreso ás pistas, selou a iniciativa das laranxas neste inicio frenético en ambas as redes. A 5 burelista volveu intentalo no 7, despexando Nerea coa punta dos dedos por arriba. Susana evitou sobre a liña de meta a tentativa de Peque no 9. Comezaba a avalancha das Guerreiras. Así Jenny Lores definiu o 4-2 acto seguido, nun pase cruzado de Lara Balseiro desde xogada iniciada pola 7 laranxa. O quinto puido chegar nunha gran incursión de Peque que lle cedeu a Ale de Paz, no minuto 15, pero estrelouse contra o pau. Respondeu entón UCAM con xogo de cinco e puido recortar distancias, a falta de 1’50” para o descanso, cun penalti transformado de novo por Pepa ante Ana Romero nesta ocasión.

O asedio sobre as murcianas non deu tregua na segunda parte, cun equipo visitante que acusou o cansazo tamén desde final da primeira parte. Por fin chegou o quinto, no minuto 28, nunha recuperación de Cristina que lle ofreceu a Jenny. Volveu responder o conxunto murciano con porteira xogadora. En menos dun minuto, Ale de Paz aproveitou para anotar o 6-3 a porta baleira. No último cuarto da segunda parte, Pepa saltou para recuperar o xogo de cinco e a punto estivo de chegar o sétimo mariñano, con Peque. No 38, Noelia recortou co 6-4; aínda dispuxo Jenny Lores dunha de ouro sen éxito.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Lara Balseiro, Bea Mateos, Ale de Paz, Jenny Lores, cinco inicial; tamén xogaron Peque, Jenny, Luci, Cristina, Ana Romero

UCAM ElPozo Murcia FSF: Nerea, Lola, Pepa, Noelia, Susana, cinco inicial; tamén xogaron María, Chihiro, Alba

Goles: 0-1, minuto 1, Pepa; 1-1, minuto 2, Bea Mateos; 1-2, minuto 5, Pepa; 2-2, minuto 5, Jenny; 3-2, minuto 6, Cristina; 4-2, minuto 8, Jenny Lores; 4-3, minuto 19, Pepa; 5-3, minuto 28, Jenny; 6-3, minuto 29, Ale de Paz; 6-4, minuto 38, Noelia

Árbitros: Hevia Campa // Santoveña Fernández. Por UCAM amarela para Lola (minuto 38)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 14 de Primeira División disputado en Vista Alegre ante unhas 500 persoas

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.