13/12/2019

Pescados Rubén 2-4 Palma Futsal

Pescados Rubén 2-4 Palma Futsal
O Pescados Rubén Burela FS plantou cara ao Palma Futsal, deu mostras da súa madurez e da súa capacidade de reacción, pero a calidade, pegada e envergadura dos baleares, que chegaban como “equipazo” a Vista Alegre, non deixaron escapar os tres puntos (2-4). Con 0-2 en contra, os mariñáns souberon medrar co osíxeno do penati asinado por Matamoros antes do descanso. Cando mellor estaban, tras o empate de Álex Diz, Palma deu a volta ao marcador en tan só un minuto. Os laranxas crearon perigo con porteiro-xogador na recta final pero non atoparon recompensa.

Soubo sufrir o Pescados Rubén Burela FS para ir medrando co paso dos minutos. Edu estivo moi atento nas primeiras incursións ofensivas visitantes, moi incisivas. A cruceta evitou a estrea do luminoso a través de Nunes no minuto 6; entón tamén chegou a primeira gran tentativa laranxa, nas zapatillas de Joselito, con gran despexe de C. Barrón. Mantiveron a rede imbatida nos seguintes compases os galegos, primeiro con Edu ante Eloy Rojas e segundos despois con Lucho como último home. No minuto 9, a balón parado, culminado por Ximbinha, os de Vadillo adiantáronse. Rafa López, pegado ao pau, e C. Barrón aliáronse para desartellar o que podería ser a igualada dos mariñáns, nas zapatillas de Lucho; cumpríase o 11 de xogo. Nunes, en asistencia de Hamza, subiu o segundo dos insulares, no 13, en contragolpe a unha chegada burelista, que acabou con Luisma tendido na pista e protestas na bancada. No 17 chegou a gran oportunidade dos de Juanma Marrube nunha man da defensa balear. E Matamoros non errou, asinando o 1-2 en penalti. Pope, no 18, non puido superar o cara a cara con Barrón tras un pase longo de Joselito. O meta visitante, co pé, volveu evitar o empate do 14 do Pescados Rubén chegando ao descanso.

Os de Juanma Marrube deron un paso adiante no segundo tempo. Eloy Rojas e Ximbinha foron os primeiros en merodear pola rede da Edu no regreso ao parqué, pero non se fixo esperar a escuadra burelista, no 22. Tras a galopada de Everton, que se foi alta, Pope volveu ser sinónimo de moito perigo, cun lanzamento cruzado que se foi ao pau. Edu puxo en pé á Bancada Laranxa despexando o balón alto de Eloy Rojas e Joselito respondeu, só en carreira, con novo protagonismo baixo paus visitantes. Estalou Vista Alegre no minuto 34, co empate, definido por Álex Diz en asistencia de Matamoros cun pase ás costas baleares. De novo en estratexia, o Palma conseguiu o premio do 2-3, un minuto despois, cun rexeite de Edu que soubo aproveitar Rafa López, e acto seguido, en roubo subiu João o 2-4. Reaccionou Burela cunha gran chegada de Matamoros que se esvaeu co bloqueo de dous baleares. Con catro minutos por diante, Álex Diz saltou para liderar o xogo de cinco; atopou perigo ao momento pero Matamoros non puido definir. O 10 laranxa de novo tívoa de novo a falta de 17 segundos, estrelándose contra o pau.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Luisma, Pitero, Pope, Everton, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Lucho, Joselito, Álex Diz, Juanfran, R. Vargas

Palma Futsal: C. Barrón, Hamza, Lolo, Tomaz, Nunes, cinco inicial; tamén xogaron Rafa López, João, Ximbinha, Eloy Rojas, Nico Sarmiento, Raúl Campos

Goles: 0-1, minuto 9, Ximbinha; 0-2, minuto 13, Nunes; 1-2, minuto 17, Matamoros (penalti); 2-2, minuto 34, Álex Diz; 2-3, minuto 35, Rafa López; 2-4, minuto 35, João

Árbitros: Martínez Segovia // Múnez Carpintero. Por Burela amarela Pope (minuto 22), Matamoros (minuto 36). Por Palma amarela a Tomaz (minuto 23), Hamza (minuto 30), Lolo (minuto 36)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 13 de Primeira División disputado en Vista Alegre ante máis de 800 persoas.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.