16/11/2019

Pescados Rubén 2-2 Alcorcón

Pescados Rubén 2-2 Alcorcón
O Alcorcón, que chegaba a Vista Alegre na cuarta praza, freou esta tarde a trayectoria de tres en tres do Pescados Rubén Burela FS (2-2), que pelexou sen descanso fronte a un rival que se dedicou a non deixar xogar e a aproveitar os seus erros. Ás mariñás custoulles entrar na correcta defensa en media pista das alfareiras, que se beneficiaron da efectividade das súas galegas, Nere Moldes e Vane Sotelo, para poñerse por diante na primeira parte e igualar a contenda na segunda. Estela mantivo ás visitantes no partido, facendo fronte ata ao xogo de cinco burelista na recta final.

Ambas as filas tentearon a rede rival sen demasiada énfase, pero aos poucos e cun Alcorcón apertando en defensa as laranxas estaban afinando en perigo. No catro, Peque intentouno cun balón alto que chegou frouxo ás mans de Estela, despois probou Jane, de novo con intervención da meta madrileña. Con todo, foi Nere Moldes a encargada de abrir a lata en Vista Alegre culminando unha rápida transición, tan só un minuto despois. Pelexaron e pelexaron as mariñás para igualar a contenda ante un Alcorcón sólido. Jane avisou por partida dobre e por fin subiu ao electrónico o 1-1, cunha contra iniciada por Peque, que cedeu cara atrás para sentenza de Ale de Paz. Serviu de revulsivo o tanto laranxa; as burelistas meteron unha marcha máis e Ale a punto estivo de anotar o segundo en menos dun minuto. Aínda que houbo que esperar ata o 15, cun rexeite cazado por Luci, tras tentativa de Peque nunha perda e posterior recuperación da 7 burelista. Luci e Cilene aínda dispuxeron de ocasións para ampliar a fenda antes do descanso.

O Alcorcón regresou enchufado. Ale de Paz freou ás visitantes nos primeiros segundos, pero o 2-2 non se fixo esperar; Vane Sotelo asinouno no 22, gañando a partida ás filas mariñás, nun roubo, e sorteando a Jozi, adiantada, con tentativa infrutuosa de Bea Mateos por frear o disparo. Insistiron ata a extenuación as Guerreiras, con gran protagonismo de Jane nos últimos metros. Con case tres minutos por diante, Bea Mateos liderou o xogo de cinco. Cilene e Jane a punto estiveron de anotar o terceiro a falta de 45 segundos e Dany freou a contra. Volveu tela Cilene pero fíxoselles demasiado tarde ás mariñás para apropiarse dos tres puntos.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Peque, Jenny, Jane, Jenny Lores, cinco inicial; tamén xogaron Cilene, Dany, Bea Mateos, Ale de Paz, Lara Balseiro, Luci, Jozi

AD Alcorcón FSF: Estela, Ballesteros, Paula, Irene Samper, Vane Sotelo, cinco inicial; tamén xogaron Nere Moldes, Aída de Miguel, Carmen Alonso, Pipi

Goles: 0-1, minuto 5, Nere Moldes; 1-1, minuto 11, Ale de Paz; 2-1, minuto 15, Luci; 2-2, minuto 22, Vane Sotelo

Árbitros: Guntín Garrido // Corral Martínez. Por Burela amarela a Luci (minuto 18), Dany (minuto 39)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 10 de Primeira División disputado no pavillón Vista Alegre de Burela, ante unhas 700 persoas.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.