22/08/2019

Burela Bonita, posta de gala para o Pescados Rubén de elite LNFS

Burela Bonita, posta de gala para o Pescados Rubén de elite LNFS
Tan só queda 1 día para que Vista Alegre estenda a alfombra ‘laranxa’ na presentación do Pescados Rubén Burela FS no seu regreso á elite. O Torneo Burela Bonita será o escaparate para dar a coñecer o equipo de Juanma Marrube 2019-20, xunto a dous rivais cos que se verá as caras en Primeira LNFS, Palma Futsal e O Parrulo FS, e coa presenza do seleccionador nacional, Fede Vidal, na xornada inaugural.

Joselito é un dos incondicionais desta cita e nesta ocasión, por fin, poderá vivila coa emoción e o corazón laranxas. “Para o equipo é un compromiso bonito ante a afección; temos que seguir coa mesma dinámica de traballo e reafirmar as boas sensacións. Para min será máis especial; estrearei este novo proxecto en Primeira contra un equipo no que medrei, no que estiven nove tempadas”, explicaba o ala andaluz, falando da súa estancia nas filas insulares, rival dos mariñáns na apertura do torneo.

O 2 burelista cumprirá a súa segunda tempada na Mariña, logo da súa chegada á bisbarra como reforzo de inverno na loita polo ascenso: ”Vin no inverno para cumprir un obxectivo e conseguiuse. Cando o club me propuxo quedar, non o pensei dúas veces porque a tempada pasada estivemos moi a gusto tanto a miña familia coma min. Teño moitas ganas de facer un gran ano, tendo en conta que vai ser moi complicado” confesábase así Joselito, valorando estas semanas de inicio: “Estamos facendo un bo traballo para chegar ao 14 de setembro con garantías; xa xogamos tres amigalbes. Logo da toma de contacto en Asturias, no último, contra Movistar, un dos mellores equipos do mundo, fixemos un partido moi completo. Estamos en proceso de compenetración e as sensacións son moi boas”.

Juanma Marrube contará á súa disposición con todos os efectivos, a excepción do lesionado Pitero.

Domingo contra o Cancro

A solidariedade reinará na última xornada do Burela Bonita, colaborando con Asociación Española contra o Cancro e a Asociación Esperanza de Burela, por mediación do ANPA Ceip Vista Alegre. A recadación do domingo, co derbi galego entre Pescados Rubén e O Parrulo FS, irá destina integramente para estas entidades. Ademais, Vista Alegre habilitará unha Fila 0 para aqueles/as afeccionados/as que desexen contribuír con algunha outra doazón. “Para nós é moi importante o apoio da afección; puiden vivir o grande ambiente de Vista Alegre nos seus mellores momentos a tempada pasada e agora pedímoslles ese respaldo en Primeira porque nos axudarán a superarnos” falaba así o andaluz da Bancada Laranxa, animando a gozar da estrea laranxa no seu mausoleo e a esta causa solidaria.

Debut xuvenil


O Burela Bonita tamén será o debut de 2019-20 para o equipo xuvenil laranxa, que abrirá o torneo e as xornadas dos anfitrións cos seus compromisos ás 17.30 horas, venres e domingo.

Prezos


Menores de 18 anos: Gratuíto

Entrada diaria: 5 euros/adult@

Abono adult@ (3 días): 10 euros

*Acceso GRATUÍTO a partidos de categoría xuvenil

Venres 23: Palma Futsal-Pescados Rubén Burela FS


17.30 horas: Xuvenil

20.30 horas: Sénior

Sábado 24: Palma Futsal-O Parrulo FS


17.30 horas: Xuvenil

20.30 horas: Sénior

Domingo 25: Pescados Rubén Burela FS-O Parrulo FS


17.30 horas: Xuvenil

20.30 horas: Sénior

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.