19/08/2019

Bea Mateos: 'Véxonos moi comprometidas e dispostas a deixar a alma'

Bea Mateos: 'Véxonos moi comprometidas e dispostas a deixar a alma'
“Temos un equipo para competir por todo, o cadro é plenamente consciente diso. Vexo a todas as xogadoras moi comprometidas e dispostas a deixar a alma”, así se confesaba a capitá do Pescados Rubén Burela FS, Bea Mateos, tras impoñerse na primeira cita de pretempada, onte en Marín, fronte ao Fisgón e Ourense Envialia.

A 14 mariñá tivo protagonismo goleador nos dous partidos, con 3-0 fronte ás anfitrioas xunto a Luci e Jane, e 1-1 coas ourensás, con posterior vitoria para as de Julio Delgado nos penaltis: “Non é habitual en min, pero tocoume ver portería. O importante é axudar ao equipo e así fixen, así que estou contenta. Foron os primeiros minutos da pretempada sobre a pista, pero vin o equipo bastante ben, aínda que falta coller ritmo e axustarnos coas fichaxes. Para ser os primeiros partidos, acabamos con boas sensacións” explicaba a salmantina.

Diante da que será a súa sétima campaña no Pescados Rubén, Bea móstrase máis motivada ca nunca: “Calquera xogadora que vén a Burela sabe que vén loitar por títulos e que aquí ten que dar o máximo ata o final, despois o desenlace xa o veremos”, apuntaba a ala-peche, deixando atrás os vellos fantamas da lesión de xeonllo que lle impediu gozar sobre o parqué os primeiros meses da tempada pasada: “É un inicio totalmente diferente; estou moi feliz de recuperarme tan ben. Puiden empezar desde o primeiro día e pretempada coas miñas compañeiras e sentirme dentro do grupo”.

Bea Mateos volverá compartir vestiario co gran bloque das Raíñas, reforzadas con doses de talento galego: “Parécenme grandes fichaxes; Ale paréceme moi lista e Lores moi profesional. Ademais tamén está traballando connosco en pretempada a brasileira Jane, unha xogadora cunha grande intensidade”, reflexionaba así a capitá sobre o novo conxunto, que arrincará o espectáculo liguero o próximo 14 de setembro en Vista Alegre, con ganas de todo: “Loitaremos por todo, aínda que creo que se nos quedou a espiña da liga a tempada pasada. Para min foi doloroso quedar empatadas a puntos co campión, así que oxalá poida resarcirme”, descubría así Bea o seu anhelo máis persoal.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.