24/07/2019

Renato amplía contrato ata 2022

Renato amplía contrato ata 2022
Renato Lopes Furtado, con contrato en vigor ata 2021, chegou a un acordo co Pescados Rubén Burela FS para amplialo por unha tempada máis, ata 2022. O presidente, Manuel Blanco, e a Xoia Laranxa selaron a negociación na sede burelista: “Renato medrou con nós, é un exemplo na base; viviu a experiencia da máxima categoría xa en idade xuvenil e formou parte do proxecto, loitando e traballando, polo merecido ascenso” explicaba o dirixente sobre o xogador de 21 anos formado na estrutura mariñá.

O 12 laranxa, nado en Cabo Verde, amosouse entusiasmado: “Estou moi contento pola confianza que me demostra e me leva demostrando o club; só podo prometer traballo para seguir medrando e seguir dando ledicias a esta casa”, confesaba Renato, que regresa á máxima categoría, despois de dúas tempadas, como un dos heroes do ascenso: “Con traballo de todos poderemos conseguir o obxectivo de manternos. Son un xogador con máis experiencia, máis asentado e con máis seguridade agora”.

Xa está en mente a volta ao parqué e sobre todo o inicio de liga, o 14 de setembro en Vista Alegre, ante Industrias Santa Coloma: “O bloque coñécese, coas súas virtudes e defectos; con traballo poderemos continuar mellorando. Agora toca volver traballar e dar o máximo; chegamos con moita enerxía despois das vacacións de verán e cunha nova etapa moi bonita, pero tamén moi dura, por diante”, recoñecía con ilusión o ala burelista, que arrincará oficialmente a pretempada baixo a batuta de Juanma Marrube o vindeiro xoves, 1 de agosto.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.