21/04/2019

Volvemos ser campioas irmandiñas. Pentacampioas de Galicia!!!!

Volvemos ser campioas irmandiñas. Pentacampioas de Galicia!!!!
As Guerreiras Laranxas conseguírono, recuperan o máximo recoñecemento irmandiño tras impoñerse na gran final ao Ourense Envialia (0-3), esta mañá no Palacio dos Deportes de Riazor na Coruña. Así, a XIII Copa Galicia Feminina convértese no quinto cetro para o Pescados Rubén Burela FS, engalanando a súa vitrina cos galardóns de 2009, 2010, 2014 e 2015; Bea Mateos, lucindo o 5 da recentemente operada Cris, recibiu o trofeo de mans do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e de Roberto García, xefe de Deportes da Xunta de Galicia na Coruña.

O Pescados Rubén Burela optou por tomar a iniciativa co balón cunha gran presión ourensá. Dany, roldando o minuto 6, dispuxo nas súas zapatillas da primeira con gran perigo, a pase de Cilene, pero evitouna María de Val. Antes Candela avisara a Ana Romero.

Peque adiantou as mariñás a falta de 54 segundos para o ecuador da primeira parte; o disparo da 7 burelista desde saque de banda tocou en Chiqui e desorientou a María de Val. Candela e Chiqui, en recuperación, protagonizaron as mellores das de Morenín para igualar a contenda, no minuto 16, pero o tándem Dany-Peque estaba disposto a atopar unha nova diana antes do tempo de descanso para reflectir no luminoso a comodidade demostrada no parqué. Así foi, Dany aproveitou un erro de pase de Sara Moreno para servirlla en galopada a Peque, aínda que se foi por pouco. A internacional española non deixou marxe de erro na seguinte ocasión (minuto 17), de novo a pase da 3 burelista, entrando co esférico baixo paus. María de Val evitou o terceiro das de Julio Delgado e Lucas, no 18, cun gran remate de Cami. Chegou entón, a falta de 1’42” para o descanso, a decisión das ourensás, apostando por porteira xogadora, coa ex das mariñás Judith, sen excesivo perigo.

Envialia regresou á pista de novo con xogo de cinco, con Marta e máis tarde con Laura Doce. Cami, no 22, tivo a de ouro para romper definitivamente o partido, pero estrelouse contra o pau na rede de Vane.

Judith puido devolver as ourensás na pugna pola final no minuto 27, nunha recuperación roldando a área laranxa, pero marchou desviada. Respondeu avisando de novo o Pescados Rubén, acto seguido, con Jenny a porta baleira. Volveu perdoar o Burela no 30, con Dany. No 32, Candela evitou de novo o terceiro, sen porteira, a tentativa de Dany. No 37, volveu facer acto de presenza a 3 mariñá, en galopada fronte a Chiqui. O terceiro máis que merecido anotouno, segundos despois, por fin, Luci, nun gran pase de Cilene. Ata antes da bucina, Dany volveu protagonizar un man a man con Vane, que desartellou o cuarto.

Cidade, campión en Minicopa

Na categoría infantil, o Cidade das Burgas alzouse co título da II Minicopa tras vencer na final ao Viaxes Amarelle FSF (2-0).

Ficha técnica

Ourense Envialia FSF: María de Val, Chiqui, Marta, Judith, Sara Moreno, cinco inicial; tamén xogaron Candela, María Estévez, Bea Seijas, Laura Doce, Idoya, Vane

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Peque, Cami, Luci, cinco inicial; tamén xogaron Cilene, Jenny, Bea Mateos, Lara Balseiro, Popó, Jozi

Árbitros: Manteiga Rodríguez // Nóvoa García (Galicia). Por Ourense amarela para Idoya (minuto 12). Por Burela amarela a Jenny (minuto 13)

Goles: 0-1, minuto 10, Peque; 0-2, minuto 17, Peque; 0-3, minuto 37, Luci

Incidencias: Partido correspondente á final de XIII Copa Galicia Feminina disputado en Riazor (A Coruña) ante uns 400 espectadores. A entrega de trofeos contou coa presenza de Rafael Louzán, presidente da RFGF; Juan Luis Villamisar, vicepresidente da RFGF; José Manuel Sande, concelleiro de Deportes da Coruña; Jacinto Artigas, presidente do CGAFS; Pablo Prieto, presidente do Comité Galego de Fútbol Sala da RFGF; Pilar López Rioboo, subdelgada do Goberno da Coruña; Roberto García, xefe de Deportes da Xunta de Galicia na Coruña; Manuel Blanco, presidente do Pescados Rubén Burela FS; Manuel Rodríguez, directivo do Ourense Envialia FSF, e Severino Amarelle, presidente do Viaxes Amarelle FSF.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.