30/03/2019

Brillo laranxa de derbi galego para seguir no máis alto (5-1)

Brillo laranxa de derbi galego para seguir no máis alto (5-1)
A vixésimo segunda vitoria das Guerreiras chega con brillo laranxa no derbi irmandiño. O Pescados Rubén Burela FS marcou o ritmo, a eficacia e os goles fronte un Poio Pescamar FSF (5-1) con máis corazón ca cabeza que nunca se atopou cómodo na pista de Vista Alegre. As pupilas de Julio Delgado e Lucas romperon o partido ao comezo do segundo acto, co 3-0, que conseguiron ampliar ata o 5-0, co gol do honra das visitantes na recta final.

O primeiro aviso foi laranxa, aos 51 segundos de xogo, con Jenny á contra. Responderon as de Dani Díaz cunha presión alta; no minuto 2, Lara Balseiro tivo que retirarse tras unha tentativa de despexe marchándose ao chan cunha rival riba. Dany adiantou as mariñás no minuto 7, cunha perfecta definición a pase de Bea Mateos, en recuperación tras unha forte entrada de Lidi. A escasos segundos a 3 burelista volveu poñer en apertos a rede visitante. Antes de cumprirse o ecuador do primeiro acto, Jenny non puido culminar ante a gardameta internacional, tras regate de Peque. Liquidou entón ben Jozi unha dobre tentativa do Poio, evitando o que podería ser o empate. Cilene puido festexar o seu regreso a Vista Alegre, logo dos seus problemas físicos, co segundo, que subiu ao luminoso no minuto 13, nunha xogada elaborada, que lle serviu Peque, desde Dany. O Pescados Rubén mantivo a súa renda nunha recta final moi incisiva do Poio, co dobre despexe de Popó.

Peque, no regreso ao parqué, subiu o terceiro, no 23, nun erro de pase das visitantes que tocou en Jenny para pasarlla a internacional española. Daniella Sousa, fronte a Jozi, estivo a piques de reducir distancias rozando o 27. Acto seguido, a Lara Balseiro escapóuselle por pouco o cuarto. Foi a por todas o conxunto de Dani Díaz con xogo de cinco, pero o a fortuna caeu do lado local, con Jozi a porta baleira (minuto 29); a brasileira pouco despois volveu facer acto de presenza fronte á ex das burelistas Ceci para manter infranqueable a rede. Intentárono unha e outra vez as visitantes con porteira xogadora, ante a orde defensiva e solvencia baixo paus. O 5-0 subiu con selo de calidade da Mariña; Lara Balseiro anotou de novo a porta baleira, no 37, en recuperación de Dany. O Poio tan só puido atopar o gol a falta de 52 segundos en balón parado, fronte á barreira.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Peque, Jenny, Lara Balseiro, Luci, cinco inicial; tamén xogaron Dany, Popó, Bea Mateos, Alves, Cami, Cilene,

Poio Pescamar FSF: Silvia, Ale de Paz, Jenni Lores, Jessi, Dani, cinco inicial; tamén xogaron Ceci, Carol, Lidi, Irene

Goles: 1-0, minuto 7, Dany; 2-0, minuto 13, Cilene; 3-0, minuto 23, Peque; 4-0, minuto 29, Jozi; 5-0, minuto 37, Lara Balseiro; 5-1, minuto 40, Ale de Paz

Árbitros: Novoa García // Cid Bragado (Galicia). Por Burela amarela a Popó (minuto 19), Dany (minuto 25), Luci (minuto 35). Por Poio amarela a Ceci (minuto 2), Carol (minuto 30)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 23 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo disputado en Vista Alegre ante preto de 500 persoas. O Pescados Rubén Burela FS saltou á pista coa camiseta de Cristina para mandarlle unha mensaxe de apoio na súa recuperación, pola súa lesión de xeonllo: ¡Ánimo Torito!

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.