23/03/2019

Sufrida vitoria en terras catalás (3-4)

Sufrida vitoria en terras catalás (3-4)
As Guerreiras Laranxas tiveron que sufrir esta tarde en terras catalás para manter o liderado burelista fronte a un Penya Esplugues (3-4), cunha gran defensa, que recuperou táboas no segundo tempo e freou o xogo de cinco do Pescados Rubén ata a recta final.

Saíu ben o Pescados Rubén Burela FS con velocidade de balón, dominio e eficacia. Peque e Jenny ofreceron a vantaxe de 0-2 xa entre os minutos 5 e 6. Tras dúas magníficas ocasións, de Jenny e Alves, para anotar o terceiro, as catalás conseguiron reducir distancias con Arantxa, no minuto 17, tras o tempo morto, para meterse no partido

O segundo acto empezou con moito movemento e alegría para as locais en contraataque, cun rápido gol, de novo nas zapatillas de Arantxa na rede defendida por Jozi. As galegas recuperaron o dominio do luminoso segundos despois, con Cami, pero recibiron a resposta das catalás, a por todas, no 24, con Pilar. Con 3-3 e logo dun contraataque que freou con solvencia a meta laranxa, as mariñás saltaron á pista con xogo de cinco liderado por Bea Mateos, con dez minutos por diante. O Pescados Rubén estrelouse unha e outra vez contra a defensa local, que tivo a primeira oportunidade para poñerse por diante no 32, a porta baleira, cun balón demasiado frouxo. No 37, de novo a porta baleira, o pau evitou a vantaxe do Penya, que poucos segundos antes avisara con moito perigo e por partida dobre sobre a portería laranxa, nunha rápida saída de balón e en saque de esquina. As pupilas de Julio Delgado e Lucas souberon manter o empate para, por fin, subir o definitivo 3-4, en xogo de cinco, con Cami empurrando ao segundo pau (minuto 38). Soou a bucina final con resposta de porteira xogadora para o conxunto local.

Agora xa toca pensar na Tarde Laranxa, o sábado 30, co derbi ante Poio Pescamar (xornada 23), en Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo, e Talavera (xornada 26) en Segunda LNFS.

Ficha técnica

AE Penya Esplugues: Muni, Arantxa, Estela, Cèlia, Laura, cinco inicial; tamén xogaron Berta, Riscos, Zoe, Pilar, Nerea, Iris

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Peque, Cami, Luci, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Bea Mateos, Popó, Cilene, Lara, Alves, Jozi

Goles: 0-1, minuto 5, Peque; 0-2, minuto 6, Jenny; 1-2, minuto 17, Arantxa; 2-2, minuto 21, Arantxa; 2-3, minuto 22, Cami; 3-3, minuto 24, Pilar; 3-4, minuto 38, Cami

Árbitros: Sáez Campos // Gómez Prieto.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 22 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo disputado en Les Moreres.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.