14/03/2019

Rivas, a primeira de sete finais

Rivas, a primeira de sete finais
Sete xornadas por diante e menos de dous meses restan para o final da liga de Segunda LNFS e o Pescados Rubén Burela FS, agora máis ca nunca, encoméndase á frase favorita de Juanma Marrube, reafirmando a filosofía do traballo continuo, do día a día e do pasiño a pasiño: “Seguimos picando pedra”. Rivas Futsal, desde a novena praza (31 puntos), será o primeiro rival dos catro inimigos que aínda terán que pasar por Vista Alegre; será o sábado, ás 18.30 horas, na 24ª xornada cunha unha pugna dos mariñás na defensa do liderado. A cita poderá seguirse a través de www.lnfsdirecto.es.

Seis puntos dan a vantaxe do privilexio burelista sobre Real Betis Futsal e Software DELSOL Mengíbar, empatados (48 puntos), e que recibirán a Colo Colo Zaragoza, duodécimo, e Axa Fita Por Elche, décimo quinto, respectivamente. “A vitoria de Manzanares (3-5) séguenos dando certo colchón na clasificación pero non podemos descoidarnos porque nos quedan sete finais aínda e o segundo e terceiro clasificado están moi preto. Temos que evitar ao máximo a súa velocidade e xogo directo e intentar estar finos nas nosas ocasións. Sendo fieis a nós mesmos poderemos conseguir o obxectivo ao final de tempada” advertía R. Vargas, insistindo na dificultade desta recta final e nas fortalezas do rival, que chega tras caer fronte a Betis (1-4): “Vai ser duro, cun partido de moito ritmo. Rivas é un conxunto correoso e moi novo; chegará coa motivación de gañar o líder na súa casa” explicaba o 15 laranxa, apelando ao ambiente de Vista Alegre e sen deixar nadiña de nada á improvisación, nunha semana na que o equipo foi de menos a máis na súa preparación: “Aos poucos volvemos aos adestramentos con mellores sensacións e agora o equipo está moi concienciado e concentrado para que Vista Alegre volva ser un parapeto, acompañándonos como nas últimas citas”.

Nunha primeira volta moi irregular para o Rivas, o marcador caeu 2-5 ao lado do Pescados Rubén.

Pitero e Iago Míguez aínda non poderán entrar na convocatoria, por lesión. A escuadra de Juanma Marrube completará a semana de adestramentos mañá, ás 10.30 horas, en Vista Alegre.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS:
1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 7. Porto, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 23. Imanol CD, 30. Hélder

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.