26/02/2019

Presentación oficial de Popó

Presentación oficial de Popó
A internacional brasileira Pholyana Caroline Soares Silva, máis coñecida como Popó, xa é oficialmente xogadora do Pescados Rubén Burela FS. A pivote de 21 anos (Lajes, 1997) estivo acompañada na súa presentación polo presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego.

Logo de case un mes adestrando coa escuadra mariñá, Popó poderá estar a disposición de Julio Delgado e Lucas para a próxima cita, na pista do Guadalcacín (sábado 3, 18.00 horas). A nova 18 laranxa vive a súa primeira experiencia deportiva lonxe do Brasil con moita ilusión: “Estou moi feliz, creo que a adaptación está sendo bastante doada e rápida, grazas sobre todo a compartir vestiario con outras xogadoras brasileiras; o estilo de xogo é diferente ao do meu país, pero estoume adaptando aos poucos. É unha gran responsabilidade pero estou moi ilusionada coa miña estrea neste equipo; só penso en adestrar ben para poder entrar na convocatoria cando Julio e Lucas así mo indiquen”, explicaba a moza deportista que militou as últimas cinco tempadas no Unifor e estreouse coa selección en 2018.

“É un equipo de calidade e forte, con plena concentración e esixencia para facer o mellor, nunha das mellores ligas do mundo. Espero sumar máis e máis ao Pescados Rubén, que para min é o mellor de España. Veño para axudar ao equipo para conseguir ser campión de liga, oxalá se cumpra”, así relata as súas metas, soños e ambicións Popó.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.