25/01/2019

Duelo galego de opostos

Duelo galego de opostos
O Pescados Rubén Burela FS arrinca a segunda volta de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo mañá, en Vista Alegre, con derbi galego, coa visita de Viaxes Amarelle FSF, ás 17.00 horas, con emisión en directo de TVG2. A xornada 16 depara unha cita de intereses opostos: As Guerreiras Laranxas, defenderán o liderado -con 3 puntos de vantaxe sobre Futsi-, ante o 13º da táboa, con 1 punto de colchón sobre os postos de perigo.

“Será unha segunda volta outra vez difícil. Estamos traballando para seguir coa senda de vitorias, só perdemos un encontro, e o noso obxectivo é seguir mellorando. Tócanos un derbi galego, sempre emocionante, e imos ir polo partido” explicaba a lusa Jenny, que repetirá semana en Vista Alegre tras o triunfo contudente da semana pasada 8-1 co pechacancelas, Femisport Nou Escorial.

A da Coruña foi a primeira das 14 vitorias que as mariñás conseguiron na primeira volta, só freada por Futsi (5-2); as de Julio Delgado e Lucas estrearon a liga con 0-6: “O resultado pode enganar; non foi tan doado. Pero nós temos máis experiencia fronte a un equipo novo, que volveu esta tempada a Primeira. Mañá elas non terán nada que perder e como en todos os derbis van xogar cara a cara, aínda que nós estamos confiadas na vitoria” advertía a 9 burelista dun rival que suma 10 puntos, tras vencer aos rivais que están agora mesmo en descenso, Femisport (1-3), Zaragoza (2-1) e Guadalcacín (2-0), ademais de empatar con Leganés (2-2), undécimo.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS. 1. Jozi, 3. Dany, 5. Cristina, 6. Cilene, 7. Peque, 8. Cami, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Alves, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 19. Luci

Chamamento de Portugal para a Eurocopa


Jenny defenderá a Portugal na Eurocopa; será unha das tres representantes laranxas no país luso, en Gondomar (15-17 de febreiro), xunto a Peque e Luci, que lucirán a elástica da Vermella: “É algo histórico; será o primeiro Europeo de Fútbol Sala Feminino; non é unha convocatoria normal. Estou moi feliz e emocionada. Creo que calquera deportista traballa por este obxectivo e para min é unha alegría inmensa estar entre as convocadas do meu país” explicaba con brillo nos ollos a ala burelista. “Vai ser un espectáculo e espero que a afección responda en Gondomar. España e Portugal somos as favoritas, así que espero ver a Peque e Luci na final, aínda que non podo adiantarme; antes elas teñen que xogar contra Rusia e nós contra Ucraína”, puntualizaba con certa cautela Jenny, antes da que será a súa última cita de laranxa, previa á cita europea do futsal, posto que terá que incorporarse á concentración da selección o domingo 27.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.