11/01/2019

Arrinca a segunda volta, en Gran Canaria

Arrinca a segunda volta, en Gran Canaria
Volve a liga de Segunda LNFS estreando 2019 e estreando a segunda volta. O Pescados Rubén Burela FS defenderá o liderado na xornada 16, coa visita á pista do correoso Gran Canaria, coa boa nova da inclusión de Iago Míguez na lista de convocados, despois de estar afastado dende pretempada por unha tendinopatía rotuliana. O Centro Insular de Deportes acollerá a cita mañá a partir das 20.30 h. (hora peninsular).

Gran Canaria recibirá os pupilos de Juanma Marrube na oitava praza (21 puntos), co aval de ser un dos cinco rivais que puideron arrebatarlle algún punto ao único equipo invicto da táboa; os insulares conseguiron un empate (3-3) en Vista Alegre. “Foi capaz de ganarlle a ElPozo despois de ir perdendo 2-0 e tamén a Betis, sendo capaz de facerlle un parcial de 4-0. É un equipo moi incómodo e ten moi claro a onde levar os partidos, sendo aínda máis forte como local” advertía Juanma Marrube, incidindo na alma de líder dos mariñáns para seguir recollendo froitos nesta excelente traxectoria: “Temos que xogar sobre o que adestramos; debemos ser fieis aos nosos sinais de identidade. Reforzados nesta base e coa tranquilidade da regularidade que vimos demostrando, temos claro que vai ser moi difícil, pero chegamos en boas condicións á cita para sacala adiante”.

A visita á pista dos de Suso Méndez será o primeiro obstáculo nesta segunda volta, tras pechar o ano e chegar ao ecuador da competición no cumio: “Independentemente dos resultados, os xogadores transmiten ganas de traballar e de querer manter esa liña de regularidade e de mellorar. Esperamos unha liga moito máis esixente nesta segunda volta. Haberá moitos equipos na pelexa do play off e moitos outros buscarán a salvación; agora non hai marxe de manobra, veremos máis igualdade e un nivel competitivo máis elevado” puntualizaba o Mariskal, á fronte dun cadro con compromiso e carácter.

“A volta o traballo foi excelente. Dende o corpo técnico estamos moi satisfeitos xa que os xogadores regresaron con moita frescura e máis ganas; foron unhas vacacións nas que todos osixenamos para volver con máis forza”, concluía o adestrador alfocego tras unha semana xa de traballo neste 2019.

O equipo de Juanma Marrube realizará a última sesión esta tarde, xa nas illas, ás 19.00 horas (hora local). Pitero non forma parte da expedición, debido a unha pubalxia.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS:1. Edu, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Luisma, 7. Porto, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 23. Imanol CD, 30 Hélder

Ronsel no podio


Con tan só 2 puntos menos ca os laranxas, o segundo da táboa, Manzanares, visitará o FC Barcelona B, na sexta praza. Na terceira posición e con 3 puntos de diferenza sobre o cumio burelista, Betis tamén xogará a domicilio, con derbi andaluz, fronte ao cuarto, Mengíbar.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.