06/12/2018

Vista Alegre, preparado para recuperar a vitoria

Vista Alegre, preparado para recuperar a vitoria
O Pescados Rubén Burela FS regresa a Vista Alegre na xornada 11 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo, con todo a punto para recuperar a vitoria e seguir avanzando no liderado; recibirá o sábado, o AD Alcorcón FSF, ás 18.30 horas.

“Nós en Burela temos que ser un parapeto, non debemos deixar escapar ningún punto. Temos que pensar en que erramos a semana pasada para que non se repita e poder recuperar os tres puntos. Temos que poñer aínda máis. O noso principal obxectivo é rematar o ano como líderes” reflexionaba a internacional Patricia González, Peque, tras a única derrota das Guerreiras ata o momento, a semana pasada no Clásico con Futsi.

“Foi un partido moi esixente, estamos con traballo de recuperación e con xogadoras con molestias” explicaba así a pivote como vai a semana para medirse a un rival perigoso que chega sétimo, co aval de ser o segundo máximo goleador e con 15 dos seus 18 puntos conseguidos a domicilio. "Nos partidos con Alcorcón, os detalles sempre son os que marcan a diferenza; temos que saír moi concentradas e marcar as ocasións que se nos presenten porque ten unha porteira moi forte” incidía así Peque na calidade de Belén de Uña.

O podio chega nesta xornada moi apertado, con duelo entre segundo e terceiro. “Sabiamos que non ía ser doado. Ir a Madrid e colocarnos a 7 puntos do rival sería un pouco irreal a estas alturas de liga. Estamos a 1 punto do Atlético e a 2 do Penya, así que nós temos que seguir o noso camiño e as nosas metas. Agora tócalles medirse entre eles, viríanos moi ben un empate, que ningún dos dous puntúe os 3, pero o máis importante é que nós fagamos o noso traballo contra Alcorcón” puntualizaba Peque.

O equipo finalizará a preparación o venres pola mañá ás 11.00 en Vista Alegre. Non poderá entrar na convocatoria Cami, sancionada cun partido trala expulsión da semana pasada.

Zona

Desde a 18.00 horas, os máis pequenos poderán gozar, como todos os días de partido, da zona infantil, con inchables e obradoiros.

Aperitivo, con Rodiles


Como aperitivo para a xornada das de Julio Delgado e Lucas, o equipo laranxa de Primeira Galicia Feminina medirase nun amigable ao asturiano Rodiles FS, de Rexional; será ás 16.30 horas.

Novo compromiso coa Vermella


Tras a cita de Alcorcón, Peque terá que facer as maletas para incorporarse a un novo compromiso da Selección Española, que se medirá o luns a un All Star, en Torrejón de Ardoz: “Toda esta preparación para o Mundial estase facendo con equipos de alto nivel. Como temos a mellor liga do mundo ter un compromiso contra un All Star da nosa competición é algo incrible. Iso quere dicir que nesta liga poderíanse formar 2 ou 3 seleccións de moi alto nivel. Este compromiso debémosllo á Asociación de Xogadoras de Fútbol Sala Feminino, que está traballando para que o fútbol sala feminino siga avanzando e que os nosos dereitos se cumpran” concluía a 7 laranxa.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.