29/11/2018

Recta final de 2018 co liderado en xogo

Recta final de 2018 co liderado en xogo
Arrinca a recta final da primeira volta con catro xornadas para a despedida de 2018. Co liderado en xogo, o Pescados Rubén Burela FS afronta este sprint antes do ecuador, co Córdoba CF Futsal, como primeiro envite, este sábado en Vista Alegre. A cita da xornada 12 poderá seguirse en directo por streaming con www.lnfsdirecto.es o sábado a partir das 18.30 horas.

“A semana foi un pouco estraña porque tivemos partido de Copa Galicia, pero estamos traballando ben. O encontro con Ventorrillo foi un partido para coller ritmo e probar algunhas cousas para Córdoba, aínda quedan adestramentos pero o equipo estase atopando ben, con algunha molestia lóxica, pero traballando ben” explicaba Imanol, encargado de defender a rede burelista na vitoria copeira de oitavos (2-4), que lles dá o pase aos de Juanma Marrube para medirse en duelo mariñán en cuartos ao SD Xove FS, de Segunda B. “Era o adestramento máis importante da semana, non só pola preparación da liga senón tamén pola importancia de Copa. O equipo traballou moi ben, foi moi serio, salvo 5 ou 10 de certa relaxación. Estamos moi contentos coa vitoria e o pase de eliminatoria e agora a esperar aos cuartos de final para seguir avanzando” reflexionaba o canario, pletórico coa súa volta á pista: “Tiña moitas ganas de xogar un partido oficial. As sensacións foron moi boas; estou moi contento e coa liña de seguir traballando para ter os máximos minutos posibles xa sexa en liga, xa sexa en Copa”.

Desde a xornada pasada, os laranxas comparten liderado con Real Betis Futsal (25 puntos), cun compromiso máis accesible a priori, recibindo ao Noia Portus Apostoli, duodécimo. Á espreita, na terceira praza, está Manzanares (24 puntos), que se medirá ao Talavera, sexto, esta fin de semana. Córdoba, na oitava praza, non será unha tarefa fácil para o Pescados Rubén: “Malia estar no medio da táboa é un rival que traballa moito, con presión efectiva, e vai ser complicado. Quedan dúas xornadas na casa antes das vacacións de Nadal e non temos outro obxectivo que non sexa intentar sacar todo. Eu creo que vai ser un partido bonito para o afeccionado”, adiantaba Imanol, incidindo na grande igualdade da zona alta: “Sabiamos que ninguén nos ía a regalar nada, que ía ser unha liga moi axustada e que iamos ter que pelexar cada minuto polo noso obxectivo. Estamos na liña marcada a principios de tempada, malia que a táboa está moi axustada, seguimos sendo o único equipo invicto, e ese é o obxectivo e se poden ser sacar os 12 puntos que quedan en xogo da primeira volta, para finalizar ben 2018”, matizaba o 23 laranxa.

A última sesión de adestramento está prevista para mañá ás 10.30 horas en Vista Alegre.

Día do soci@.
Cada abonad@ laranxa será obsequiado cunha invitación para asistir ao encontro cun acompañante. Tan só terá que pasar pola sede burelista para recollela ata o venres ás 14.00 horas.

Zona Infantil.
Desde as 18.00 horas, a Bomboneira terá aberta a zona infantil con inchables e divertidos talleres.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.